Este xoves 26 de maio celebrouse no Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), ubicado no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), un seminario para conmemorar o Día Europeo da Rede Natura 2000, que este ano 2022 coincidiu co 30 aniversario do Programa Life. O seminario, precisamente, tivo lugar no marco dun proxecto deste programa, o Life Fluvial, no que Emalcsa participa como socio e que ten como obxectivo mellorar o estado de conservación de corredores fluviais atlánticos na Rede Natura 2000. De feito, os organizadores do evento, coa colaboración da Cátedra Emalcsa-UDC, foron outros dous socios do Life Fluvial, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader).
O seminario analizou diferentes proxectos Life de restauración de corredores fluviais e dividiuse en tres bloques. No primeiro deles, moderado por el director de I+D+i de Emalcsa, Ricardo Vázquez, interviron Pablo Ramil, director do Ibader, e Javier Ferreiro da Costa, investigador deste instituto universitario de investigación científico-técnica, para falar das actuacións de restauración en corredores fluviais levadas a cabo no marco do proxecto Life Fluvial como as desenvolvidas no encoro de Cecebre.
No segundo bloque, moderado polo director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, o presidente do Grupo Naturalista Hábitat, Ricardo Ferreiro, expuxo a situación actual na que se atopa a flora e a fauna do encoro de Cecebre logo dos traballos de análise feitos polo seu grupo naturalista (coa colaboración de Emalcsa e financiados polo Life Fluvial), uns traballos que darán lugar a un proxecto de seguimento máis ambicioso a través da Cátedra Emalcsa-UDC; Catherine Farrel, investigadora do Trinity College de Dublín (Irlanda), participou de xeito online para explicar os traballos de restauración de hábitats que se están a facer no seu país en praderías extendidas en antigas dunas que albergan unha grande biodiversidade no marco do proxecto Life on Machair; Pedro Pablo Gallego, catedrático de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo, abordou a xeración de plantas en actuacións de restauración ambiental; finalmente, José Antonio Fernández Bouzas, director do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, analizou o programa Life Insular que se está a desenvolver en diferentes illas atlánticas da Rede Natura 2000 e que ten como obxectivo a restauración das dunas grises e breixeiras secas europeas, labor no que, dixo, o voluntariado xoga un papel fundamental.
No terceiro bloque abordouse a gobernanza na Rede Natura 2000 e as Reservas da Biosfera. Foi nunha mesa redonda na que participaron a directora de Augas de Galicia, Teresa María Gutiérrez; o conselleiro técnico da Demarcación de Costas na Coruña, Carlos Gil; e o presidente do Grupo Naturalista Hábitat, Ricardo Ferreiro.
Tras un xantar a base de produtos da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, e como remate do seminario, fixeron unha visita guiada ao encoro de Cecebre para ver ‘in situ’ os traballos de restauración desenvolvidos no marco do proxecto Life Fluvial.