O pasado 27 de maio celebrouse na Facultade de Dereito da Coruña unha xornada para analizar e debater o impacto que terá a nova lei do ciclo integral da auga nos concellos. A Cátedra Emalcsa-UDC e a Cátedra de Dereito Local organizaron este evento coa colaboración da Deputación da Coruña e a Fundación Enxeñería Agronómica para o Desenvolvemento de Galicia creada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez; e o decano da Facultade de Dereito e exalcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, foron os encargados de abrir a xornada.
Inés Rey puxo o foco, no que respecta a xestión da auga urbana, na importancia de «tomar medidas» para frear o cambio climático, un tema, sinalou, que está entre os obxectivos do seu goberno municipal. González Formoso, pola súa banda, instou a «unha gobernanza multinivel» e maior «transparencia» na xestión dos recursos, dos gravámenes e dos ingresos obtidos polas administracións que xestionan o ciclo da auga. Ethel Vázquez, finalmente, anunciou que a nova lei do ciclo integral da auga de Galicia entrará en vigor a finais deste verán «para axudar aos concellos na xestión profesional deste recurso e reforzar a calidade das masas de auga».
Deseguido interveu Joaquín Suárez, profesor de Tecnoloxías do Medio Ambiente (departamento de Enxeñería Civil) da Universidade da Coruña e investigador do Grupo Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (Geama), para expoñer os problemas e perspectivas da xestión do ciclo integral da auga na era do cambio climático. O ex director da Cátedra Emalcsa-UDC expuxo a visión do Marco Conceptual Dusa (Desenvolvemento Urbán Sensible á Auga) como un xeito de enfocar a xestión coas premisas da integración e a sostibilidade como vectores de desenvolvemento no futuro, pasando dunha visión cíclica a unha sistémica, onde a auga é un recurso que ten que ser coidado en todos os eidos.
Francisco Delgado Piqueras, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Castela A Mancha foi o seguinte en participar para abordar a formalización xurídica da xestión integral da auga.
Logo da intervención de Delgado comezou unha mesa redonda da que formaron parte Teresa Gutiérrez, directora de Augas de Galicia; Ángel Mato, alcalde de Ferrol; e Marcos Martín, director xeral de Viaqua Galicia. Os tres analizaron e debateron acerca da realidade da xestión da auga en Galicia e sobre o papel que xogan nela os concellos e a Xunta de Galicia. Os participantes subliñaron que a nova normativa está moi orientada aos concellos máis pequenos e de perfil rural, onde a falla de recursos e unha eiva importante para un desenvolvemento axeitado da xestión.
Xa na sesión da tarde desenvolvéronse dúas mesas de debate máis. Na primeira participaron Javier Sanz Larruga, catedrático de Dereito Administrativo da UDC e membro do comité científico-técnico da Cátedra Emalcsa-UDC; Patricia Vilán Lorenzo, asesora xurídica da FEGAMP; e Gonzalo Mosqueira, xerente de Augas de Galicia e profesor asociado da ETS de Enxeñaría de Camiños da UDC. Cada un deles aportou a súa visión sobre a nova Lei do Ciclo Integral da Auga. Os intervintes aportaron a súa visión sobre a nova Lei do Ciclo Integral da Auga, pero facendo fincapé na necesidade de transferencias dos sistemas máis grandes aos pequenos para favorecer a xestión axeitada en concellos más reducidos e a necesidade de agrupar para ter máis vantaxes en canto ao uso de recursos, tanto técnicos como económicos.
Rematou a xornada unha derradeira mesa de debate que amosou as diferentes visións políticas sobre a nova lei e a súa implementación. Participaron José Manuel Rey Varela, do Partido Popular; Luis Bará Torres, do Bloque Nacionalista Galego; e Begoña Rodríguez Rumbo, do Partido Socialista de Galicia. BNG e PSOE demandaron máis participación e conversas mentres que o PP entende a urxencia da medida e considera suficiente o proceso feito ata agora e que, seguramente, rematará coa discusión de emendas e a aprobación neste periodo de sesións.
Os organizadores apuntaron que foros desta natureza que amosan unha visión reflexiva é global son moi necesarios. As institucións participantes deixaron a porta aberta a futuras actividades deste tipo.