A European Federation of National Associations of Water Services (EurEau) vén de publicar o estudo ‘Europe’s water in figures 2021’, no que amosa o estado actual do sector da auga urbana en Europa. A Asociación Española de Abastecementos de Auga e Saneamento (AEAS), que pertence a EurEau participa na elaboración deste estudo a través do Estudo Nacional do Subministro de Auga Potable e Saneamento.
Segundo os datos publicados pola EurEau, o sector da auga urbana europeo goza de boa saúde. Amosa un maior compromiso coa redución da súa pegada de carbono, en consonancia coas directrices marcadas polo Pacto Verde Europeo para acadar unha economía libre de CO2 en 2050. Neste sentido o sector tamén pon de relevo obxectivos máis ambiciosos en relación co incremento da eficiencia enerxética, a produción de enerxía renovable, a explotación da economía circular ou a redución dos gases de efecto invernadoiro relacionados cos procesos de produción.
A auga para o consumo humano en Europa cumpre cos requisitos de calidade máis rigorosos do mundo segundo este informe, que afirma que se invisten 82 euros por habitante/ano. Porén, España sitúase por debaixo desta cifra, polo que non se cubren as necesidades reais do sector, en especial no que respecta á renovación de infraestruturas.
O informe pon de manifesto a necesidade de aumentar o investimento nos servizos de auga de toda Europa (sobre todo en aqueles que, como España, van atrasados en investimento público dedicado ao sector da auga) para garantir ás xeracións vindeiras os mesmos niveis de calidade e servizo dos que gozamos na actualidade.