O pasado 1 de decembro celebrouse no salón de actos do Edificio de Investigación do Campus de Mieres da Universidade de Oviedo o seminario final do proxecto Life Fluvial, unha iniciativa que comezou no 2017, na que participa Emalcsa como socio e cuxo obxectivo centrábase en mellorar o estado dos corredores fluviais atlánticos de España e Portugal, así como dos humedais asociados a estes.
Ao longo do evento diferentes socios do proxecto foron debagando os traballos realizados en cada unha das zonas de actuación. Javier Ferreiro da Costa, investigador del Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da Universidade de Santiago (tamén socio do proxecto) foi o encargado de explicar as acción desenvolvidas os dous últimos anos na contorna do bosque de ribeira que arrodea o encoro de Cecebre, unha Zona de Especial Conservación (ZEC) e pertencente á Rede Natura 2000.
Entre as accións desenvolvidas Ferreiro deu conta da eliminación de especies invasoras na contorna do encoro: herbáceas como a Cortaderia selloana (Penacho da Pampa); arbustivas como a Hydrangea spp (Hortensia); arbóreas como o Eucalyltus spp (Eucalipto) ou o Pinus Radiata (Piñeiro de Monterrey); enredaderas como a Vitis inífera (vide); canas como a Bambusa spp (Bambú); ou plantas acuáticas como a Lemna minuta (Lentella de auga). Todas estas especies expandíronse sobre hábitats naturais e provocaron a redución de especies autóctonas. De non se controlar, poden ter unha interferencia sobre o aproveitamento dos recursos (no caso de Cecebre fundamentalmente sobre a auga que bebemos) e sobre a propia saúde das persoas. A súa eliminación tamén serviu para evitar a degradación da calidade da paisaxe, ao igual que outros traballos realizados como a eliminación de focos de lixo.
A eliminación destas especies invasoras ou alóctonas realizause tras identificalas de xeito selectivo, respectando a vexetación nativa, sen herbicidas e manualmente, cou única excepción das plantas grandes como as especies arbóreas ou os Penachos da Pampa, que poden chegar a pesar máis de 900 quilogramos. Nestes casos empregáronse medios mecánicos, mais sempre co máximo coidado para non afectar á flora e fauna autóctonas.
Tralo proceso de eliminación de especies invasoras, explicou Ferreiro, procedeuse á restauración do bosque de ribeira favorecendo o desenvolvemento de vexetación autóctona, ben de xeito natural ou incorporando especies nativas e de orixe local. Deste xeito aumentarase a superficie ocupada polos hábitats do encoro de Cecebre e o seu corredor fluvial.
Durante os vindeiros cinco anos levaranse a cabo novas accións para manter as melloras conseguidas no bosque de ribeira de Cecebre derivadas dos traballos realizados no marco deste proxecto Life Fluvial. Estas accións desenvolveranse xa con fondos propios de Emalcsa ou cos que poda captar en novas convocatorias de axudas, pero sempre co propósito de asentar e desenvolver o bosque autóctono de ribeira como un dos principais factores de conservación da calidade da auga.
Neste proxecto (segundo que se desenvolve con Emalcsa como socio na contorna de Cecebre nos últimos 10 anos), participaron como socios, ademáis de Emalcsa e o Ibader, o Instituto de Ordenación do Territorio e Recursos Naturais da Universidade de Oviedo (Indurot), a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos (xestora da Reserva da Biosfera Mariñas-Coruñesas e Terras do Mandeo, á que pertence o encoro de Cecebre), o Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa, a Asociación para o desenvolvemento do territorio interrexional que se ubica na contorna do río Eo (InterEo), oConcello de Ribadeo e a Empresa de Transformación Agraria (Tragsa).