Pilar Sánchez Cid, na categoría de Traballos Fin de Máster (TFM), e Marta Sánchez Núñez, na de Traballos Fin de Grao (TFG), son as gañadoras da primeira edición dos Premios Cátedra Emalcsa-UDC. Estes galardóns están dirixidos a estudantes e titulados que presentasen o seu TFM, e a estudantes ou graduados que presentasen o seu TFG, relacionados coa auga, en titulacións da Universidade da Coruña nos últimos 5 anos. Esta foi a resolución do xurado destes galardóns tras analizar os 29 traballos presentados: 15 na categoría Traballo Fin de Máster e 14 na de Traballo Fin de Grao. O tribunal que determinou os gañadores estaba formado por catro membros do Comité Científico da Cátedra Emalcsa-UDC: Moisés Canle (presidente), Ricardo Vázquez (secretario), Ricardo Antonio García Mira (vogal) e Francisco Javier Sanz (vogal).
Os premiados recibiron os seus galardóns nun acto celebrado o luns 7 de xuño no Paraninfo da Universidade da Coruña. O reitor da UDC, Julio Abalde; o primeiro tenente da alcaldesa da Coruña, Juan Ignacio Borrego; e o director xeral de Emalcsa, Jaime Castiñeira, foron os encargados de entregar os premios.
Pilar Sánchez Cid, licenciada en Arquitectura, levou o premio TFM polo seu traballo ‘Estudio tipológico de la arquitectura de las estaciones de tratamiento de agua potable. Caso de estudio: ETAP de Cañás, Carral, A Coruña’. O xurado valorou a excelente análise, pormenorizada e comparada, que Pilar Sánchez desenvolve dos edificios industriais de comezo do s. XX que serviron para abastecer de auga tratada a A Coruña, así como a defensa que realiza do patrimonio industrial e tecnolóxico para entender a nosa historia recente.
Pola súa banda, Marta Sánchez Núñez, Grao en Química, foi a gañadora na categoría TFG co seu traballo ‘Influencia de los nutrientes en la eficacia del tratamiento de aguas residuales en humedales construidos de flujo vertical’. Neste presenta, a través dun rigoroso estudo, unha solución baseada na natureza para resolver un dos meirandes problemas que presentan as sociedades urbanas no eido da auga.
Pilar Sánchez Cid, premio Cátedra Emalcsa-UDC ao mellor traballo TFM,
Marta Sánchez Núñez, premio Cátedra Emalcsa-UDC ao mellor TFG
Os dous accésit na categoría TFM foron para Alejandro Rey Vizoso, Máster en Enxeñería de Camiños, Canais e Portos; e para Nuria Santisteban López, Máster en Biodiversidade Terrestre: caracterización, conservación e xestión. O primeiro presentou o traballo ‘Pulmón verde en el skyline de A Coruña. Reacondicionamiento del depósito de agua de Monte Alto y su entorno’, unha innovadora proposta de solución sostible para a mellora da contorna urbana. A segunda conseguíu o accésit grazas ao seu traballo ‘Valoración medioambiental de la recuperación del río Monelos mediante análisis geoespacial multiparamétrico’. Trátase dun meticuloso estudo baseado na teledetección no que subliña o río de Monelos como un valor natural descoñecido da contorna urbana da Coruña.
Nerea García Bugallo, Grao en Educación Primaria; e Nicolás Ron Arroyo, Grao en Bioloxía, levaron os accésit na categoría de TFG. Nerea García presentou ‘Propuesta didáctica para trabajar el agua, incidiendo en la problemática social y ambiental surgida en torno a ella’. No seu traballo amosa un interesante xeito de traballar aspectos relacionados coa auga na ensinanza primaria. Nicolás Ron participou con ‘Ritmos circadianos/estacionais do cangrexo americano e selección do tamaño do cangrexo por parte da lontra no encoro de Cecebre’. Nel, pon de manifesto dun xeito excelente o valor intanxible da contorna natural do encoro de Cecebre e de toda a conca do Mero-Barcés.
Os vencedores en cada categoría levaron 1000 euros e cada un dos gañadores dos accésit, 500.
O xurado dos primeiros Premios Cátedra Emalcsa-UDC subliñou a calidade dos 29 traballos presentados, así como a súa transversalidade, o que evidencia as enormes posibilidades que os sistemas de auga urbana ofrecen para a investigación. Tamén destacou a rigorosa labor desenvolvida polos autores dos traballos baixo a supervisión dos seus titores o que deu como resultado aportacións moi orixinais e cunha grande calidade técnica. Finalmente, o xurado sinalou a relevancia deste tipo de traballos académicos para achegar a contorna académica á sociedade e, máis en concreto, a importancia da xestión da auga na Coruña e a súa área metropolitana para a vida dos seus habitantes.