O pasado mércores 26 de xaneiro constituíuse, para o periodo 2022-2024, o comité científico-técnico da Cátedra Emalcsa-UDC, un órgano multidisciplinar cuxa función é asesorar á dirección sobre as iniciativas que vaia desenvolver a Cátedra.
Ao comité incorpóranse os investigadores da Universidade da Coruña, María José Servia (departamento de Bioloxía), Guillermo Iglesias (grupo Regulación, Economía e Finanzas -Grefin-), José Luis Calvo Rolle (grupo de Ciencia e Técnica Cibernética -CTC) e Jorge Delgado (grupo de Enxeñería da Auga e do Medioambiente -Geama-). Pola súa banda deixan o comité os tamén investigadores Jerónimo Puertas (grupo Geama) e Anxo Calvo (grupo Grefin). Deste xeito, este órgano asesor pasa a estar composto por 10 investigadores da Universidade da Coruña e catro representantes de Emalcsa que xa figuraban no comité anterior.
A Cátedra Emalcsa-UDC, polo tanto, estará dirixida por Moisés Canle, catedrático de Química da UDC e investigador do Grupo de investigación Reactividade Química e Fotorreactividade (REACT!), que contará co asesoramento dun comité científico-técnico cuxos membros figuran no gráfico que acompaña estas liñas. Ademais un comité de seguimiento encargarase de supervisar as actividades que se desenvolvan no eido da Cátedra. Estará formado polo director xeral de Emalcsa, Jaime Castiñeira, o vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC (departamento do que depende a Cátedra Emalcsa-UDC), Salvador Naya, así como polo director da área de I+D+ i de Emalcsa, Ricardo Vázquez, e o director da Cátedra, Moisés Canle.
Trala constitución do comité celebrouse unha primeira reunión na que se presentou o Marco Metodolóxico DUSA (Desenvolvemento Urbano Sensible á Auga) como elemento característico e senlleiro da Cátedra Emalcsa-UDC e eixo sobre o que xirarán as iniciativas desenvolvidas no ámbito desta. O Marco DUSA é un proceso flexible, participativo e iterativo que integra os elementos do Sistema de Auga Urbano co Desenvolvemento Urbano da cidade e a Xestión da Cunca Fluvial para maximizar os beneficios económicos, sociais e ambientais de xeito equitativo.
Tamén se abordou o obxectivo estratéxico da Cátedra, que é “organizar a investigación e a transferencia no ámbito dos sistemas de auga urbana, con todas as súas implicacións técnicas, económicas e sociais, para o desenvolvemento dunha estratexia de xestión sostible da auga urbana adaptada y diferenciada no contexto da Comunidade Autónoma de Galicia”. Para acadar esa meta traballaranse dúas liñas de actuación. Por unha banda darase pulo a mecanismos de colaboración entre Emalcsa e os investigadores da Universidade da Coruña nas áreas relacionadas coa sostibilidade (ámbito ambiental, social e económico) aplicada ao recurso auga. Por outra banda avanzarase na definición de estratexias para aplicar os principios de xestión integrada do recurso auga no sistema de auga urbano en diferentes contextos xeográficos, sociais e económicos.
Durante o encontro tamén se presentaron as 3 liñas de actuación estratéxicas da Cátedra:
Plan AdO (Auga desde Orixe), no que se aglutinarán as investigacións relacionadas coa conservación, calidade e cantidade de auga que dependen do funcionamento da cunca Mero-Barcés. Aquí inclúese a representación de Emalcsa no Plan Gleon.
Plan ECAD (Excelencia na Calidade da Auga Distribuida), que pretende mellorar os aspectos relacionados coa percepción de seguridade e calidade na distribución da auga. No ámbito deste plan analizaranse aspectos de tratamento de auga, conducións, xestión de depósitos ou mellora das relacións con clientes e usuarios a partires da reinxeñería de procesos.
Plan AQUA_Lab (Mellora Dixital do Sistema), en cuxo seno abordaranse aspectos relacionados coa incorporación de novas tecnoloxías no eido das TIC e co desenvolvemento de ferramentas de respaldo á toma de decisións a partires da análise de datos, configuración de indicadores e creación de algoritmos para mellorar procesos e actividades. Este plan, pola súa transversalidade, prestará apoio aos planes AdO e ECAD.
O director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, amosou durante a reunión a súa intención de celebrar todos os meses unha actividade de divulgación científico-técnica. Asimesmo explicou os proxectos (nacionaiss e internacionaiss) nos que Emalcsa e a Universidade da Coruña participan a través da Cátedra e animou aos asistentes ao encontro a colaborar na busca dos investigadores máis axeitados para cada un dos proxectos e favorecer a súa participación neles.
Moisés Canle tamén puxo de manifesto a necesidade de que o comité teña unha actitude proactiva e dé respostas ás demandas que a Cátedra teña en especialidades concretas, e que sexa receptivo para coordinar novas propostas de investigación que procedan da Universidade da Coruña ou de Emalcsa.
Durante a reunión, finalmente, decidiuse a composición do tribunal dos II Premios Cátedra Emalcsa e que a edición de 2022 destes premios se centre en exclusiva en Traballos Fin de Máster e non nestes e en Traballos Fin de Grao como nas dúas primeiras edicións. O motivo é que os TFM teñen máis entidade e están máis orientados á investigación que os TFG e poden ser máis interesantes para os obxectivos da Cátedra Emalcsa-UDC.