Os investigadores do Grupo de Investigación Modelización, Optimización e Inferencia Estatística (Modes) da Universidade da Coruña, Ana López Cheda, Ricardo Cao (membro do comité científico-técnico da Cátedra Emalcsa-UDC) e María Amalia Jácome Pumar, e Ingrid Van Keilegom, do Research Centre for Operations Researche and Statistics da Katholieke Universiteit Leuven, de Bélxica, recibiron este martes 15 de febreiro en Madrid un premio da Sociedade de Estatística e Investigación Operativa e a Fundación BBVA. Foi o galardón á mellor contribución metodolóxica en Estatística de 2021 polo seu traballo Non parametric incidence estimation and bootstrap bandwidth selection in mixture cure models, no que plantexan un enfoque alternativo para crear modelos de supervivencia de doentes con cancro utilizando unhas técnicas coñecidas en Estatística como análises de supervivencia.
Os autores, segundo o xurado, “sobresaen no seu coidadoso tratamento teórico da combinación de doentes curados e non curados, comparan o seu novo enfoque cos existentes e aplican o seu modelo mixto de supervivencia de cura a un conxunto de datos reais de doentes con cancro de colon e recto”.
Os tamén investigadores da Universidade da Coruña, Inés Barbeito Cal, Sonia Zaragoza Fernández, Javier Tarrío-Saavedra e Salvador Naya Fernández, estes dous últimos adscritos ao Centro de Investigación TIC da UDC, tamén foron premiados no mesmo evento. No seu caso recibiron o galardón á mellor contribución aplicada cun impacto no eido social, innovación ou transferencia de coñecemento no campo da Estatística de 2020 polo seu traballo Assessing thermal comfort and energy efficiency in buildings by statistical quality control for autocorrelated data, publicado en 2017 nunha revista de alto impacto neste eido, Applied Energy, sobre unha aplicación “innovadora e multidisciplinar”, segundo cualifica a acta do xurado, que supervisa, controla e optimiza o consumo de enerxía en edificios.
A Sociedade de Estatística e Investigación Operativa e a Fundación BBVA convocan estes premios de ámbito estatal e periodicidade anual para recoñecer a orixinalidade e a innovación no eido da estatística co obxectivo de incentivar o traballo de investigación e a súa proxección cara á sociedade. Cada un dos premios que se entregan está dotado con 6.000 euros que se reparten entre os diversos autores.
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asistiu ao acto de entrega dos premios aos investigadores da UDC.