Os alumnos de 5º B de Primaria do CEIP Raquel Camacho da Coruña son os gañadores da primeira edición do concurso ‘Valoremos a auga’ que Emalcsa puxo en marcha o 22 de marzo con motivo do Día Mundial da Auga. Dirixido a centros escolares ou outras entidades dos concellos da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada, Bergondo e Carral, o seu obxectivo era é que os veciños da Coruña e a súa contorna expoñan, a través dun pequeno vídeo, o que significa para eles a auga e a importancia que ten nas súas vidas.
O vídeo presentado polos rapaces do Raquel Camacho, coordinados pola súa titora, Ángeles Roca, amosa os distintos usos da auga e a súa relevancia para a vida. O xurado outorgoulle a máxima puntuación pola “importante participación e preparación das mensaxes” e “o seu esforzo para facelo atractivo para a xente”. Os gañadores, ademais de 500 euros para o centro escolar, recibiron un diploma acreditativo, un agasallo e a posibilidade de facer unha visita guiada aos principais espazos relacionados co abastecemento de auga á Coruña e a súa área metropolitana.
O 2º curso de Educación Primaria do Colexio Calasanz recibiu o segundo premio grazas a un vídeo no que as tres clases deste curso cantan un rap escrito pola súa profesora Diana Zaera. O xurado valorou a “orixinalidade” da idea e “a posta en escena atractiva e actual”, así como “o maxín para trasladar as mensaxes”. O Calasanz gañou 250 euros para o centro ademais de diplomas e agasallos para os rapaces.
O terceiro premio foi para 2ºB do Ceip Emilia Pardo Bazán e o seu titor Francisco Guitián. A capacidade de trasladar mensaxes directas cunha linguaxe simple e comprensible foi o que valorou o xurado do seu vídeo para outorgarlle o premio.
O xurado estivo composto polo director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle; o xerente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Jorge Blanco; e polo director de I+D+i de Emalcsa, Ricardo Vázquez, en delegación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
A entrega de premios adiouse a setembro, inicio do vindeiro curso, por mor da Covid-19.
Podedes ver todos os vídeos presentados na canle de Youtube de Emalcsa.