O IES David Buján de Cambre, co seu proxecto Bunjasat, un satélite que o pasado mes de xullo gañou a fase nacional do certame Cansat, foi o gañador, na categoría de Bacharelato, da OpenScience que se celebrou a pasada fin de semana (18 e 19 de setembro) en Cambre. Pola súa banda, o Proxecto Aquacolab, da Escola de Pequenos Científicos Espiciencia, de Espinosa dos Monteros (Burgos), gañou o premio correspondente ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 6 (Auga Limpa e Saneamento). Na seguinte imaxe figuran todos os premiados.
Listaxe de premiados na OpenScience Cambre 2021
A OpenScience 2021, que tivo unha parte presencial e outra online, foi un éxito de participación, tanto pola calidade dos proxectos presentados como polo numeroso público que acudiu ao Parque da Igrexa e ao colexio Wenceslao Fernández Flórez, lugares nos que se desenvolveu esta feira científica que ten como principal obxectivo achegar a ciencia á cidadanía dun xeito didáctico e atractivo. A organización do evento, que corre a cargo do Concello de Cambre e o Clube de Ciencia do Instituto de Ensino Secundario David Buján XentD100cia foi excelente e cumpríu coas medidas do protocolo Covid, como o control do aforo, de xeito minucioso.
A Cátedra Emalcsa-UDC participou na feira cun stand propio no que se presentaron varios experimentos que amosaron as propiedades físico-químicas da auga. Emalcsa, ademais, regalou entre os participantes 250 botellas de auga reutilizables e conectou catro fontes á rede pública de auga para enchelas. Deste xeito, a OpenScience Cambre converteuse un ano máis nun evento libre de plásticos e comprometido co medio ambiente e a protección da biodiversidade.