O Grupo de Reactividade Química e Fotorreactividade (React!) da Universidade da Coruña recibiu a pasada fin de semana no Hotel Finisterre da Coruña o Premio de Investigación Epifanio Campo 2021. Moisés Canle, membro deste grupo de investigación e director da Cátedra Emalcsa-UDC, recolleu este galardón en representación do grupo polo traballo ‘Tecnoloxía sostible de redución de contaminantes emerxentes para a economía circular da auga’, que propón metodoloxías para reutilizar as augas naturais para usos diversos, como poderían ser o rego, a limpeza de rúas ou a alimentación de circuitos de refrixeración. Os autores do estudo son Moisés Canle, Juan Arturo Santaballa López, María Isabel Fernández Pérez, Daniel Rodríguez Ramos e Zenydia Marín Rodríguez, ainda que nel participaron moitos máis investigadores ao longo do tempo, tal e como sinalou o director da Cátedra Emalcsa-UDC no acto de entrega dos premios: “O estudo reúne 30 anos de esforzo do equipo, polo que han pasado moitos investigadores”. Para Moisés Canle este premio supón un recoñecemento especial. “Estiven moitos anos traballando fora e cando volvín xa definitivamente, en 2001, enviei un proxecto sobre isto. A avaliación que recibín dicía que era científicamente inviable. Vese que, 21 anos despois, non o é”, afirma Canle no xornal La Opinión A Coruña.
O obxectivo deste traballo e do Grupo React! é mellorar os problemas medioambientais e de sostibilidade. “Nas análises da auga que bebemos en países máis desenvolvidos localízanse pequenas cantidades de sustancias que non son perigosas pero que van aumentando. Non é un problema neste intre, pero si non se fai nada si podería selo nunhas décadas”, explica o director da Cátedra Emalcsa-UDC. Por iso é moi importante desenvolver tecnoloxías que permitan eliminar esas substancias, fomentar a circularidade da auga e aproveitar as augas residuais domésticas e industriais para outros usos, en lugar de utilizar de xeito innecesario auga potable. Porque para Moisés Canle, un dos grandes retos do futuro vai ser o aproveitamento de grandes cantidades de augas residuais domésticas e industriais, ainda que para acadalo, ademais da tecnoloxía, será necesaria a implicación da sociedade. “Hai que facer un uso responsable da auga e evitar contaminala innecesariamente”, apunta.
O tribunal destes premios estivo composto, en representación do Grupo Rodonita, impulsor da Cátedra Epifanio Campo, polo seu conselleiro delegado, Jacobo Campo, e polo director xeral de Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero. A Universidade da Coruña estivo representada pola directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo, e a adxunta de Transferencia, Sonia Zaragoza, por orde do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transfererencia, Salvador Naya.
45 investigadores pertencentes a 16 grupos de investigación dos Campus da Coruña e Ferrol participaron nesta primeira edición deste premio que pretende homenaxear a Epifanio Campo, pioneiro no eido da economía circular e a xestión ambiental e fundador do Grupo Rodonita. Os proxectos presentados pertencen a diversos ámbitos, desde dereito ata enxeñería civil, pasando por química, ecosistemas mariños ou enerxías renovables, entre outros. A participación colmou as expectativas dos organizadores do premio.