O grupo de investigación Reactividade Química e Fotorreactividade (REACT!) da Universidade da Coruña organiza os vindeiros 25 e 26 de novembro na Facultade de Ciencias da Coruña a VI Xuntanza Nacional de Grupos de Fotocatálise. A Cátedra Emalcsa-UDC, a cuxo comité científico-técnico pertence o grupo REACT!, colabora neste evento xunto á Universidade da Coruña, o Campus Innova da UDC, MTB Tecnología de Precisión, a Edar Bens S.A. e Celta Ingenieros.
Este encontro celébrase cada dous anos co obxectivo de que os diferentes grupos de investigación presenten e compartan os traballos que están a realizar e debatan sobre eles con outros investigadores. Asimesmo, a xuntanza, á que asisten tanto especialistas de grande reputación no eido, como investigadores en formación cunha grande proxección, promove as sinerxias e as colaboracións entre os participantes de cara a futuros proxectos.
A Fotocatálise é unha tecnoloxía que permite realizar reaccións químicas en condicións de sostibilidade, rapidez, eficacia e baixo custo. Entre os procesos que aborda atópanse, por exemplo, a redución de CO2, a desinfección de augas residuais dun proceso industrial, superficies e atmosferas ou a xeración de combustibles H2, CH4…
Entre os obxectivos desta xuntanza está retomar o contacto personal entre os investigadores deste campo. Porén, habilitarase unha conexión por videoconferencia para aqueles que non podan asistir físicamente ao encontro.