O grupo de investigación Reactividade Química e Fotorreactividade (REACT!) da Universidade da Coruña, do que forma parte o director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, vén de ser declarado gañador do primeiro premio de Investigación Epifanio Campo 2021, un galardón creado para promover a investigación relacionada coa xestión e valorización dos refugallos xerados pola actividade industrial e, polo tanto, unha economía circular que protexa o medio ambiente.
O xurado destes premios da Cátedra Epifanio Campo da universidade herculina considerou o traballo titulado ‘Tecnoloxía sostible de redución de contaminantes emerxentes para a economía circular da auga’, como o mellor dos presentados. Os investigadores Moisés Canle López, Juan Arturo Santaballa López, María Isabel Fernández Pérez, Daniel Rodríguez Ramos e Zenydia Marín Rodríguez, son os autores deste traballo que plantexa metodoloxías para reutilizar as augas naturais para usos como o rego, a limpeza das rías ou circuitos de refrixeración. Este premio reportaralle ao grupo 6.000 euros.
O director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, como apunta a web da Universidade da Coruña, considera que un dos grandes retos do futuro vai ser o aproveitamento de grandes cantidades de augas residuais domésticas e industriais. Deste xeito evitarase que se siga a utilizar, de maneira innecesaria, auga potable para regar ou limpar. O traballo gañador do Premio Epifanio Campo de Investigación 2021, apunta Canle, plantexa o desenvolvemento de tecnoloxías que eliminen os patóxenos e outras moléculas da auga natural ou residual para reutilizala. “Temos que empezar a anticiparnos á lexislación e tratar de que cando tiramos da cisterna esa auga non se perda”, sinala o director da Cátedra Emalcsa-UDC, que considera a economía circular da auga como un grande desafío a nivel global e necesaria para se anticipar á escaseza de auga potable que cada vez será máis acuciante na meirande parte do planeta.
Na imaxe, dez dos compoñentes do Grupo React!: Prof. Dr. Juan Arturo Santaballa López, Prof. Dr. Moisés Canle López, Profa. Dra. María Victoria García Dopico, Profa. Dra. María Isabel Fernández Pérez, Dr. Daniel Rodríguez Ramos, Dra. Zenydia Marín Rodríguez, Laura Pereira Rodríguez, Asma Boudib, Mariyem Abouri e Saad Slimani Tlemcani. Tamén forman parte deste grupo de investigación, ainda que non aparecen na imaxe: Deborah García Bello, Silvio David Aguilar Rodríguez, Rafael Brognoli Recco, Alberto Maimone Camargo, Wilton Eduardo Romero Black, Marisela Segura Osorio, Iria Martínez Amado e Tea Kuvek.
O tribunal destes premios estivo composto, en representación do Grupo Rodonita, impulsor da Cátedra Epifanio Campo, polo seu conselleiro delegado, Jacobo Campo, e polo director xeral de Rodonita Medio Ambiente, Antonio Roncero. A Universidade da Coruña estivo representada pola directora da Cátedra Epifanio Campo, Mª Paz Mateo, e a adxunta de Transferencia, Sonia Zaragoza, por orde do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transfererencia, Salvador Naya.
45 investigadores pertencentes a 16 grupos de investigación dos Campus da Coruña e Ferrol participaron nesta primeira edición deste premio que pretende homenaxear a Epifanio Campo, pioneiro no eido da economía circular e a xestión ambiental e fundador do Grupo Rodonita. Os proxectos presentados pertencen a diversos ámbitos, desde dereito ata enxeñería civil, pasando por química, ecosistemas mariños ou enerxías renovables, entre outros. A participación colmou as expectativas dos organizadores do premio.