O 25 de setembro de 2015, 193 países comprometéronse, como sinala a Organización de Nacións Unidas, “a emprender un novo camiño para mellorar a vida de todos, sen deixar a ninguén atrás”. Así nacía a Axenda 2030 sobre o Desenvolvemento Sostible, un documento composto por 17 obxectivos (con 169 metas de carácter integrado e indivisibel que abarcan as esferas económica, social e ambiental) cuxo fin é, para 2030, poñer fin á pobreza, protexer o planeta e mellorar as vidas e as perspectivas das persoas de todo o mundo.
«Estamos decididos a poñer fin á pobreza e a fame en todo o mundo dende aquí a 2030, a combater as desigualdades dentro dos países e entre eles, a construír sociedades pacíficas, xustas e inclusivas, a protexer os dereitos humanos e promover a igualdade entre os xéneros e o empoderamento das mulleres e as nenas, e a garantir unha protección duradera do planeta e os seus recursos naturais», sinalaron os Estados na resolución.
Seis anos despois da adopción dos 17 ODS, o último informe da ONU, publicado en 2020, destaca que se avanzou nalguns eidos como a mellora da saúde maternoinfantil, a ampliación do acceso á electricidades e o aumento da representación das mulleres nos gobernos. Porén, estes avances víronse contrarrestados en todo o mundo pola crecente inseguridade alimentaria, o deterioro do medio ambiente e as persistentes desigualdades dominantes. A Covid-19, ademais, obstaculizou o progreso dos ODS e afectou en maior medida ás persoas máis pobres e vulnerables do mundo.
O informe tira datos inquedantes como o incremento dos efectos do cambio climático, a aceleración da acidificación dos océanos, a degradación do solo ou o risco da desaparición de numerosas especies.
Este estudo foi elaborado polo Departamento de Asuntos Económicos e Sociais das Nacións Unidas, que conta con aportacións internacionais e rexionais, así como cos fondos, programas e organismos do sistema de Nacións Unidas. Ademais, estatísticos nacionais, expertos da sociedade civil e profesionais do eido académico tamén colaboran na súa elaboración.
No que respecta ao ODS 6 sobre Auga Limpa e Saneamento, o informe da ONU sinala que:
Pese aos avances, 2.200 millóns de persoas non teñen auga potable xestionada de xeito seguro e 4.200 de saneamento.
3.000 millóns de persoas carecen de instalacións básicas para lavar as mans no fogar.
Dous de cada tres centros de saúde non teñen auga, xabrón e desinfectantes de mans a base de alcol para combater a Covid-19.
A escaseza de auga podería desplazar uns 700 millóns de persoas para o ano 2030.
Algúns países amosan un déficit do 61% para acadar as metas vencelladas ao auga e ao saneamento.
Para monitorizar o progreso ata a consecución do ODS 6 a ONU utiliza 11 indicadores: auga potable, saneamento, hixiene, augas residuais, calidade da auga, eficiencia, estrés hídrico, administración da auga, transfonteiriza, ecosistemas, cooperación e participación.
No portal de datos da ONU pódese consultar a evolución de todos os ODS, tanto a nivel global como en cada país. No que respecta ao ODS6, España está máis avanzada que a media en todos os indicadores agás en estrés hídrico: o 43% dos recursos hídricos renovables estáse retirando, fronte ao 17% do global.