Este martes 22 de marzo celébrase o Día Mundial da Auga, que este 2022 está dedicado á auga subterránea co obxectivo de subliñar a súa importancia e a necesidade de aplicar, con urxencia, medidas que a protexan. De aí o lema deste ano: ‘Agua subterránea: hacer visible lo invisible’.
Como sinala o Ministerio para a Transición Ecolóxica, a auga subterránea constitúe a segunda reserva de auga doce do planeta, só por detrás dos casquetes polares e moi por diante dos lagos e os encoros. É un dos recursos hídricos máis valiosos. En non só pola súa relevancia para o consumo humano. Tamén o é para a agricultura (segundo a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, o 43% da auga que se utiliza a nivel mundial para o regadío procede do subsolo), para regular o fluxo da auga dos ríos ou para preservar ás árbores e a vexetación da seca (permite a transpiración e a fotosíntese nas plantas).
A auga subterránea, ademais, é unha reserva estratéxica para combater o cambio climático e os problemas de seca e contaminación da auga superficial, como lembraba hai uns anos o coordinador de proxectos no Programa Hidrolóxico Internacional da UNESCO, José Luis Martín Bordes.
Mais os acuíferos están en perigo debido ao quentamento global e á súa sobreexplotación. E para poñer o foco neste grave problema a Onu decidiu dedicarlle o Día Mundial da Auga de 2022. “Dependemos en gran medida da auga subterránea que usamos todos os días, pero moita xente non o sabe. O Día Mundial da Agua 2022 ten que axudar a que as persoas, a sociedade civil, o sector privado, as organizacións internacionais e os gobernos, é dicir, a toda a comunidade internacional, vexan que precisan facer que a auga sexa máis visible. Temos que traballar xuntos para que todos os países podan xestionar de xeito sostible os seus recursos hídricos”, sinalou Abou Amani, director da División de Ciencias da Auga da Unesco.
De feito, segundoun estudo internacional publicado en 2019 pola revista Nature entre o 42 e o 79% das reservas de augas subterráneas do planeta nos que se está a desenvolver unha extracción insostible non poderán manter os ecosistemas acuáticos asociados para o ano 2030.
No caso de España, como sinala o Ministerio para a Transición Ecolóxica, o 46% das masas de auga subterránea están en perigo polos residuos agrícolas e gandeiros. Esta circunstancia levou á Comisión Europea a advertir a España de que debía solucionar este problema e cumprir a normativa sobre nitratos. En Galicia, segundo un mapa de augas subterráneas elaborado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, só está en perigo un acuífero ubicado en Xinzo de Limia (Ourense).