O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña incorporou este mes de xullo a 16 investigadores que se integrarán no proxecto Ciencia e enxeñería de datos para a avaliación, predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade Covid-19 (CEDCOVID). Os novos investigadores, como sinala o Citic na súa web “desenvolverán durante os próximos tres meses tarefas de procesamento, análise e visualización de datos relacionados coa pandemia”.
O proxecto Cedcovid ten como obxectivo o desenvolvemento dunha solución web e app para recoller datos que ofrecerá modelos de predición xeral e individual para detección de anomalías cunha visualización xeocalizada. Asimesmo, tamén se centra na posta en marcha de funcións avanzadas de procesado de datos con intelixencia artificial.
Este proxecto conta co financiamento da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o apoio da Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta e o cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).