Jerónimo Puerta, membro do comité científico-técnico da Cátedra Emalcsa-UDC, lidera xunto a investigadores do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA), unha parte do proxecto AquaMoz, cuxo obxectivo é mellorar o seguimento e a xestión das secas no sur de Mozambique. Neste proxecto tamén participa ARA-Sul Aguas (Administración Rexional de Augas do Sur de Mozambique) e Augas de Galicia, segundo explica nas súas redes sociais a Agrupación Estratéxica CITEEC da Universidade da Coruña, da que forma parte o GEAMA.
Por mor do cambio climático, a rexión sur do Mozambique sufre dende hai seis anos unha prolongada seca que deu lugar á escaseza de auga no área metropolitana do Grande Maputo e, polo tanto, en restricións de auga para a agricultura e a poboación dos municipios de Maputo, Matola e Boane.
Para facer fronte a esta situación nace o proxecto AquaMoz que, como sinala a Agrupación Estratéxica Citeec da Universidade da Coruña nas súas redes sociais, pretende dotar a ARA-Sul Aguas das ferramentas que lle permitan facer un seguemento das secas e planificar as accións máis axeitadas para darlle resposta.
O AquaMoz é un proxecto de cooperación para o desenvolvemento aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas número 6 (Auga Limpa e Saneamento) e 13 (Acción polo Clima) que consta de dúas liñas de traballo. A primeira consiste na mellora dos procedementos da xestión da seca, da que se ocupa Augas de Galicia. A segunda aborda o seguimento da seca e está liderada polo GEAMA da Universidade da Coruña. Esta última consiste no desenvolvemento de métodos de análise do estado actual e da evolución da seca neste territorio que axuden ás administracións locais a tomar as decisións axeitadas para lle facer fronte.