Investigadores internacionais desplazaranse o vindeiro outubro a A Coruña para probar novidosos equipos de monitorización do fluxo de auga en contaminantes en redes de saneamento. Ademais, tamén desenvolverán ensaios punteiros sobre inundacións en contornas urbanas e sobre o movemento de contaminantes na superfice das rúas. Estas actuacións terán lugar no marco do proxecto europeo H2020 Co-UDlabs que coordina o Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA) da UDC, grupo de investigación que forma parte do comité científico-técnico da Cátedra Emalcsa-UDC.
O pasado xullo xa se celebrou na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña a primeira asemblea xeral do Co-UDlabs, no que participaron investigadores dos nove socios que forman o consorcio do proxecto: Universidade de Sheffield (Reino Unido), o instituto Deltares (Países Baixos), o instituto Eawag (Suíza), o Institute for Underground Infrastructure IKT (Alemaña), o instituto INSA de Lyon (Francia), a Universidade de Aalborg (Dinamarca), a organización Graie (Francia), e a compañía consultora Euronovia (Francia).
Como apunta a Universidade da Coruña na súa web, nesta asemblea presentáronse as principais liñas de investigación do proxecto, debateuse sobre o seu estado de desenvolvemento e planificáronse os vindeiros pasos a dar. Entre estas investigacións atópanse a monitorización de sedimentos, o emprego de técnicas de visión artificial para analizar a calidade da auga ou estudar inundacións urbanas, así como a realización de novas instalacións de laboratorio punteiras a nivel internacional.
Na asemblea tamén se abordaron as novas liñas de investigación conxuntas, entre as que destaca o emprego de técnicas de intelixencia artificial e machine learning para aproveitar os datos de sensores de calidade de augas ou para a inspección intelixente das redes de saneamento. De feito, entre as grandes ambicións do Co-UDlabs, figura que todos os actores vencellados aos sistemas de saneamento de drenaxe (investigadores, empresas, administracións…) poidan co-crear e compartir grandes bases de datos sobre o estado das conducións de saneamento e o impacto das verteduras durante os episodios de choiva.
O encontro dos socios do proxecto rematou cunha visita ás instalacións do do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), onde os participantes na asemblea pudieron ver as instalacións piloto de drenaxe sostible da UDC e os grandes simuladores de choiva do CITEEC (conta co maior de Europa), que acolleran en outono a investigadores internacionais.
O profesor da UDC e membro do Geama, José Anta, é o investigador principal deste proxecto, que ten como obxectivo analizar os principais problemas relacionados cós sistemas de saneamento e drenaxe urbana e realizar propostas de mellora destes mediante a innovación. Anta lidera un equipo ao que tamén pertencen Joaquín Suárez, ex director da Cátedra Emalcsa-UDC, Jerónimo Puertas, Luis Cea, Juan Naves e Andrea Ciambra.