O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) acolleu o venres 3 de novembro unha xornada na que se analizaron algúns dos proxectos desenvolvidos nos últimos dez anos no territorio que abrangue a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. O evento, organizado polos xestores da Reserva, serviu para conmemorar o Día Internacional das Reservas da Biosfera.
As accións levadas a cabo no encoro de Cecebre e a conca do Mero-Barcés, enclaves que forman parte da Reserva MCeTM, foron un dos principais centros de atención do evento. Por este motivo, a xornada contou coa presencia de representantes e colaboradores da Cátedra Emalcsa-UDC, que ten no estudo das condicións medioambientais do encoro e da conca Mero-Barcés un dos piares do seu labor de investigación no marco do Plan AdO (Auga dende a Orixe) da Cátedra pola extraordinaria importancia que teñen estes aspectos para manter unha axeitada calidade no abastecemento de agua da Coruña e a súa área metropolitana, así como para protexer a súa rica biodiversidade.
Moisés Canle, director da Cátedra Emalcsa-UDC, foi un dos encargados de dar a benvida aos asistentes e de presentar a xornada, que comezou coa divulgación das accións levadas a cabo na Reserva no marco do proxecto Conectando Biodiversidade. Entre estas accións figuran os traballos para mellorar o bosque de ribeira dunha parte do río Barcés directamente relacionados coa calidade da auga deste río. Trátase dunha iniciativa promovida en colaboración coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Cátedra Hijos de Rivera-UDC que está a desenvolver un equipo de investigadores liderado polos doutores da Universidade da Coruña, María José Servia (membro do comité científico-técnico da Cátedra Emalcsa-UDC) e Jaime Fagúndez (colaborador da Cátedra). Foi este último o que explicou a importancia de recuperar e manter en boas condicións o bosque de ribeira do Barcés porque funciona como una barreira natural para as alteracións e procesos de contaminación do río e porque alberga unha grande cantidade de especies de flora e de fauna. Este proxecto comezou en 2021 e atópase xa na súa derradeira fase.
Exemplos de boas prácticas de conservación realizadas na Reserva MCeTM
Deseguido se presentaron exemplos de boas prácticas de conservación realizadas na Reserva. Como o paso para lontras que se construíu en 2020 a carón do encoro de Cecebre para poñer fin aos atropelos que estes animais estaban a sofrer na estrada AC-221. Elia Rodríguez e Manu Cernadas, do Grupo Naturalista Hábitat, entidade que promoveu esta iniciativa que contou co apoio de Emalcsa, o Concello de Cambre, e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, foron os encargados de explicar as orixes e o éxito de proxecto. Porque mediante a técnica do fototrampeo, este grupo naturalista constatou que as lontras xa utilizan decote o paso construído, o que puxo fin aos atropelos. Unha grande nova para a biodiversidade do encoro.
Pola súa banda, o investigador Miguel Ángel Fernández Martínez deu conta dos traballos de control de cangrexo americano que se están a realizar no encoro de Cecebre. Estes traballos que desenvolven investigadores da Universidade da Coruña no marco dun convenio de colaboración entre a Cátedra Emalcsa-UDC, a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Cátedra Hijos de Rivera-UDC, teñen como obxectivo minimizar os danos que esta especie invasora provoca na vexetación de ribeira e no sedimento, aspecto fundamental para protexer a calidade da auga do encoro.
O último exemplo de boas prácticas de conservación desenvolvidas na Reserva centrouse nas análises moleculares que se están a facer no encoro de Cecebre para controlar a presenza de Batrachochytrium dendrobatidi, un fungo que provoca a morte de anfibios. María José Servia, doutora da Universidade da Coruña, membro do comité científico técnico da Cátedra Emalcsa-UDC e unha dos investigadores que promoven este proxecto, foi a encargada de presentar o estado dos traballos.
Como remate da xornada celebrouse unha mesa que moderou o director de I+D+i de Emalcsa, Ricardo Vázquez, na que se debateu acerca do futuro da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Nese futuro, a bo seguro, terá un papel protagonista o encoro de Cecebre, a conca do Mero-Barcés e a Cátedra Emalcsa-UDC.