Rematou a quinta edición da Cullerciencia cun novo éxito de público. Centos de persoas ateigaron o Paseo Marítimo do Burgo durante todo o sábado para visitar os 40 expositores que formaban esta feira de divulgación científica que organiza o Clube de Ciencia do CEIP Ría do Burgo, coa colaboración do Concello de Culleredo, e gozar dun día de experimentos, obradoiros e charlas relacionados coa ciencia.
A Cátedra Emalcsa-UDC estivo presente na feira. Ocupou a tenda 23 pola que pasaron nenos e maiores interesados en coñecer as propostas científicas relacionadas coa agua que alí se expuñan. O que máis chamou a atención foi a simulación a pequena escala dalgunhas das fases do proceso de depuración da auga que se desenvolve na Estación de Tratamento de Auga Potable da Telva (Cambre). Nesta planta, situada a tan só tres quilómetros do lugar no que tivo lugar a feira, é na que se trata a auga do río Mero para que chegue en óptimas condicións aos domicilios da Coruña e da súa área metropolitana, agás Carral. Este proceso de depuración, formado por diferentes fases como o desbaste (eliminación de sólidos en suspensión na auga) ou a filtración (paso da auga por un filtro de area co obxectivo de eliminar os residuos sólidos de menos tamaño), foi o que se simulou na tenda da Cátedra cuns pequenos recipientes ante uns visitantes que amosaron moito interese por este proceso descoñecido para moitos deles.
Tamén espertaron moito interese os experimentos relacionados coa eutrofización, un fenómeno natural que provoca a morte e descomposición da materia vexetal e o deterioro das masas de auga en ríos, lagos ou encoros polo excesivo crecemento de plancton vexetal. Para amosar o seu efecto de xeito práctico empregouse unha lámpada de IR infravermellos que simula o sol e o xeito no que actúa sobre a auga para dividila en dúas capas: unha de auga quente enriba e outra fría debaixo. Na primeira xéranse microalgas que poden ser sobrealimentadas con fertilizantes e evitan que chegue a luz ao fondo o que provoca a morte das especies que alí habitan ante a falta de oxíxeno. Esta é unha das causas da eutrofización.
Os que visitaron a tenda da Cátedra tamén gozaron de outros experimentos como o ‘Corre, pementa’ (que explica en que consiste a tensión superficial dos líquidos) ou ‘O baile das moléculas’ (que demostra que as moléculas dun líquido están sempre en movemento).
Entre os 40 expositores estivo presente tamén a Universidade da Coruña, ademais de moitos centros educativos de Culleredo e da súa comarca.
Tamén houbo espazo para que os rapaces participaran en propostas educativas como cálculo mental e lóxica e para a estrea de curtametraxes científicas por parte dos alumnos dos institutos Blanco Amor e os do Rego da Trabe. Os primeiros presentaron os filmes ‘A fórmula’ e ‘Dous incógnitas e un destino’, e os segundos ‘Teoría da relatividade’.
Finalmente houbo interesantes charlas a cargo de tres prestixiosas investigadoras. A enxeñeira informática Verónica Bolón falou de ‘Muller, ciencia e intelixencia artificial’; a bióloga Alicia López Bruzos impartiu a conferencia ‘Os segredo do cancro soterrados na area’; e a licenciada en Ciencias da Actividade Física e o Deporte, Paula García, participou nun encontro sobre actividade física á carta.
Rematada a Cullerciencia a Cátedra Emalcsa-UDC comenzará a preparar a vindeira feira científica na que participará. Será a Open Science Cambre, xa no mes de setembro.