O pasado setembro de 2023 a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello da Coruña, iniciou unha campaña de divulgación científica a través de 20 marquesiñas ubicadas en paradas de autobús de diferentes puntos da cidade.
A campaña céntrase na difusión das cinco infografías seleccionadas no programa Divulgando o noso da universidade herculina, concurso creado co obxectivo de difundir o traballo dos investigadores da UDC. Unha delas céntrase nas especies invasoras e está elaborada por María José Servia, Jaime Fagúndez e Sergio Roilca, pertencentes ao Grupo de Innovación Docente Ecodiverse. Os dous primeiros son colaboradores da Cátedra Emalcsa-UDC e María José Servia forma parte do seu comité científico-técnico.
A infografía mostra exemplos de especies invasoras como o visón americano ou o cangrexo vermello americano e propón medidas que se poden levar a cabo por parte das administracións e da sociedade en xeral para reducir estas especies nocivas para os nosos ecosistemas.
O control das especies invasoras no encoro de Cecebre, principalmente do cangrexo vermello americano, é un dos aspectos nos que se centran os labores de investigación da Cátedra Emalcsa-UDC. De feito, hai uns meses asinou un convenio de colaboración coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e a Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible para que investigadores da Universidade da Coruña realicen traballos de control desta especie, quizais a máis nociva para o encoro debido a que provoca desprendementos de terra que deterioran a vexetación de ribeira, fundamental para protexer a calidade da agua, ademais de ser moi prexudicial para a biodiversidade da zona.
As especies invasoras tamén plantexan un problema no río Barcés, clave, xunto ao río Mero, no abastecemento de auga a A Coruña e contorna. Así o explicaron os colaboradores da Cátedra Emalcsa-UDC, María José Servia e Jaime Fagúndez en decembro de 2022 durante a presentación dos resultados da segunda fase do proxecto Bosque de ribeira do río Barcés, un proxecto de futuro, coordinado pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e financiado pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible. Nese traballo os investigadores subliñaron que as especies exóticas invasoras están presentes no 85, 7% dos tramos do río Barcés analizados no estudo.