Skip to content Skip to footer

Os cidadáns da Coruña e a súa área metropolitana coñecen a ETAP da Telva e o proceso de potabilización da auga que consumen grazas ás xornadas de portas abertas de Coawa

Os pasados 20 e 24 de maio Coawa realizou dúas xornadas de portas abertas para que a cidadanía da Coruña e a súa área metropolitana puidese coñecer a Estación de Tratamento de Auga Potabel da Telva (Cambre) e o proceso de potabilización da auga que nela se desenvolve para que chegue en óptimas condicións aos domicilios coruñeses.

Nestas visitas guiadas á Telva os participantes nestas xornadas gozaron dunha pequena viaxe polo curso que segue a auga dende os ríos que abastecen de auga a A Coruña e á súa contorna (Mero e Barcés) até a planta da Telva pasando pola ETAP de Cañás (Carral) e o encoro de Cecebre. A través dunha aplicación os cidadáns tiveron a oportunidade de coñecer a importancia da auga dende un punto de vista territorial, os seus aspectos históricos, etnográficos e ambientais, así como a importancia dos bosques de ribeira para a conservación da calidade da auga e as diferentes especies de flora e fauna que habitan nel.

As xornadas remataron cunha visita ás instalacións da ETAP da Telva, na que os visitantes puideron ver in situ o xeito no que se capta a auga do río, a aplicación do cloro ou o bombeo até os fogares coruñeses.

Escolares da Coruña e a súa área metropolitana que participaron na oferta formativa de Coawa tamén visitaron estas instalacións no curso 23-24 en diversas xornadas. O vindeiro ano estas visitas guiadas ampliaránse ao resto da sociedade.

Con esta actividade Coawa, a comunidade da auga cumpre un dos seus principais obxectivos: implicar á sociedade no cuidado do medio, algo fundamental para a conservación da calidade da auga. Dende a súa posta en marcha Coawa aposta pola divulgación e concienciación da cidadanía como pilar para acadar unha sociedade máis respectuosa e implicada na protección do medio ambiente. Estas visitas guiadas, xunto a outras que Coawa iniciou no marco das súas Rutas na Natureza, contribúen a aportar coñecemento á cidadanía e a concienciala sobre a importancia de coidar a biodiversidade e a auga.