O mércores 22 de marzo, coincidindo con Día Mundial da Auga, Coawa, impulsada pola Cátedra Emalcsa-UDC, celebrou a final do concurso formativo sobre o ciclo integral da auga A auga non para. Os alumnos do colexio CEIP Sofía Casanova foron os gañadores deste concurso educativo, co que se busca contribuír á formación dos máis pequenos en aspectos fundamentais do entorno e bo uso da auga.
A Auga non para é un programa educativo, en formato concurso, que se encuadra dentro de Coawa, a comunidade da auga, iniciativa posta en marcha pola Cátedra Emalcsa-UDC, a través do cal os alumnos coñecen a importancia da xestión local da auga urbana e como o entorno inflúe na calidade da mesma. Neste programa, desenvolvido mediante obradoiros presenciais na aula durante o mes de febreiro, participaron máis de 900 alumnos.
De entre todos os centros educativos participantes só catro se clasificaron para disputar a fase final. Despois de completar a rolda de preguntas e respostas relacionadas co ciclo integral da auga urbana da Coruña, os alumnos de sexto curso do CEIP Sofía Casanova alzáronse co premio: a participación da súa clase no Día Coawa. Unha xornada na contorna natural cercana que se celebrará en maio e no que participarán todos os gañadores de todos os programas formativos que ofrece Coawa. Os equipos dos distintos centros educativos que disputaron a final foron: 6º de EP do CEIP Sofía Casanova (Culleredo), 6º de EP do CEIP Emilio González López (Cambre), 5º de EP do Colexio de Fomento Peñarredonda (A Coruña) e 6º de EP do Colexio de Fomento Peñarredonda (A Coruña).
Acompañaron aos alumnos nesta xornada representantes da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, da Cátedra Emalcsa-UDC e do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular, VIRATEC e Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa.
Durante o evento celebrado no Día Mundial da Auga resaltamos, dende a Cátedra Emalcsa-UDC, a importancia da divulgación como vía para transferir á sociedade o coñecemento que temos sobre a necesidade de protexer o noso medio natural. Con este evento, ‘Coawa, a comunidade da auga’ sumouse así á conmemoración do Día Mundial da Auga promovido pola UNESCO.