O pasado mes de decembro remataba o proxecto Life Fluvial, unha iniciativa de eido transnacional que comezou en 2017, na que Emalcsa participou como socio e cuxo obxectivo era mellorar o estado de conservación dos corredores fluviais atlánticos da Rede Natura 2000. Os seus socios, porén, decidiron que as melloras realizadas nas diferentes zonas de actuación (unha delas o encoro de Cecebre, onde se restaurou o bosque de ribeira) tivesen continuidade. Deste xeito desenvolveron unha folla de ruta para os vindeiros anos cunha serie de medidas que se levarán a cabo entre 2023 e 2027 e que quedaron plasmadas nun documento que se vén de facer público.
As accións que se realizarán no encoro de Cecebre no marco do Plan Post Life do Proxecto Life Fluvial teñen como eixo central a protección do bosque autóctono de ribeira, un dos principais factores de conservación da calidade da auga que consumimos na Coruña e a súa área metropolitana.
As medidas previstas son as seguintes:
- Programa de seguimento ambiental.
- Rexistro anual de información para os indicadores de progreso.
- Labores de mantemento dos observatorios de aves de Crendes e Orto.
- Xornadas de voluntariado para a eliminación de especies invasoras.
Ademais, como parte das actuacións deste Plan Post Life, Emalcsa e a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, desenvolverán diferentes accións de divulgación ambiental para achegar á cidadanía os traballos realizados en Cecebre, así como a extraordinaria riqueza ecolóxica do encoro e a súa condición de enclave fundamental para o abastecemento de auga da Coruña e a súa área metropolitana. Entre estas accións atópase a organización, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat, do certame de debuxo da Natureza ‘Vida Silvestre do encoro de Cecebre’, o concurso escolar ‘A auga non para’, a participación na feira científica ‘Open Science Cambre’ ou a celebración do Día da Rede Natura 2000.
As accións que se levarán a cabo nas distintas zonas de actuación que abrangue este Plan Post Life, financiaranse, nun principio, con recursos propios de cada socio. Tamén se contará con financiación procedente de programas rexionais, nacionais ou europeos tales como os Fondos Next Generation EU (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico); o Programa Horizonte Europa 2021-2027; os Fondos FEADER (Axudas da Xunta de Galicia vencelladas á Rede Natura 2000); o Programa LEADER; ou o Programa Educando na Biosfera (financiado pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo). Así mesmo, contarase con financiación privada, principalmente de empresas vinculadas a cada territorio, para executar actuacións específicas en enclaves concretos do proxecto.