O luns 15 de xaneiro reuníuse na Casa da Auga o comité de seguimento da Cátedra Emalcsa-UDC formado por dous representantes da Universidade da Coruña (Salvador Naya, vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC; e Moisés Canle, director da Cátedra); e dous de Emalcsa (Jaime Castiñeiras, director xeral; e Ricardo Vázquez (director de I+D+i).
Ademais de servir como despedida de Salvador Naya, que deixa o cargo debido ao cambio de goberno na UDC e ao que o resto de membros do comité agradeceu o traballo que desenvolveu estes últimos anos, na reunión aprobouse a xestión realizada na Cátedra en 2023, así como o plan de actuación para o 2024.
No encontro presentouse o informe de actividade de 2023 no que se deu conta das accións institucionais realizadas no último ano, así como das accións desenvolvidas no eido da I+D+i. Entre as primeiras destaca a posta en marcha do Programa Coawa de formación e divulgación, que persegue trasladar á sociedade o coñecemento sobre a xestión da auga integrando os elementos propios desta xestión cos sociais, medioambientais e científicos.
Tamén figuran entre as accións institucionais a creación dunha nova web; a terceira edición dos Premios Cátedra Emalcsa-UDC; a participación nas tres principais feiras de divulgación científica que se celebran na comarca da Coruña: o Día da Ciencia na Rúa, a Cullerciencia e a Open Science Cambre; ou o mantemento do portal Cátedra Emalcsa Virtual, cuxo obxectivo é achegar á sociedade o sistema de auga urbano da Coruña con propostas como un percorrido virtual por algunha das instalacións máis senlleiras do sistema de abastecemento ou o xogo online O xogo da gota, que permite coñecer de xeito lúdico os ríos, fontes e instalacións máis importantes da nosa contorna vencelladas á xestión da auga na Coruña e na súa área metropolitana. Igualmente enmárcase nas accións institucionais a participación da Cátedra en congresos (X Festival Mar de Mares, IV Xornada Mares Circulares…) e seminarios (nova normativa sobre os criterios técnico-sanitarios da calidade da auga de consumo humano e a súa aplicación en Galicia, proxectos desenvolvidos na última década en Cecebre e a conca Mero-Barcés.
Accións de I+D+i
En canto ás accións de I+D+i no 2023 continuouse a avanzar nas tres liñas principais de investigación: o Plan Ado (auga dende Orixe), o Plan Ecad (Excelencia na Calidade da Auga Distribuida) e o Plan Aqualab (Mellora Dixital do Sistema de Auga Urbana).
Polo que respecta ao Plan Ado durante 2023 alongáronse os traballos de mantemento e operación dos sistemas de captación de datos de alta frecuencia instalados no río Mero (Cañás, Cecebre e A Telva). Como resultado da participación desta actividade no marco da Rede Gleon o encoro de Cecebre foi un punto de mostraxe do primeiro estudo internacional para identificar e caracterizar microplásticos en masas de auga. Na investigación participaron cinco investigadores da UDC e colaboradores da Cátedra Emalcsa-UDC (entre eles o seu director, Moisés Canle). A repercusión deste estudo fixo que a prestixiosa revista ‘Nature’ levase os resultados desta investigación á súa portada do mes de xullo.
En canto ao Plan Ecad avanzouse, grazas ao intercambio de información entre investigadores da Universidade da Coruña e técnicos de Emalcsa, no coñecemento das causas dos episodios de turbidez na auga. Esta colaboración permitiu, por exemplo, caracterizar estes episodios nunha zona concreta da cidade: o barrio dos Castros. Tamén se puxo de manifesto en 2023 a necesidade de incrementar os puntos de mostraxe para seguir a progresar na investigación.
Por último, no marco do Plan Aqualab comezouse a desenvolver un modelo de monitorización para augas naturais e analizouse un proxecto para dotar a instalación de investigación Medusa, posta en marcha por Emalcsa e máis a UDC no marco do Proxecto Horizon Europa ‘Brain-Iot’, dun sistema que permita implementar traballos de Intelixencia Artificial ao modelo de control das redes de distribución de auga.
Plan de actuación para 2024
O comité de seguimento tamén aprobou o plan de actuación da Cátedra para 2024. No eido institucional desenvolverase o Proxecto Coawa, que terá tres eixos principais: o Programa A Auga non Para (concurso de preguntas e respostas sobre o ciclo da auga para 5º e 6º de Primaria galardoado pola Fundación Botín nos seus Premios á Xestión Sostible da Auga no ano 2021); as visitas á ETAP da Telva (Cambre), sobre todo para ensinar a escolares o proceso de purificación da auga e a contorna natural da planta; e os Roteiros Naturalistas en Cecebre para dar a coñecer as características do medio do que procede a auga que consumimos e concienciar da importancia de coidalo. Entre estes tres programas prevése a participación duns 10.000 alumnos da Coruña e a súa área metropolitana. O Proxecto Coawa tamén desenvolverá a súa comunidade mediante a inclusión de empresas e instituciones na súa actividade.
Tamén no ámbito institucional prevése a organización de seis eventos relacionados con investigacións ou temas de interese vencelledoas á xestión da auga, a convocatoria dunha nova edición dos Premios Cátedra Emalcsa-UDC, e volver participar en feiras de divulgación científica e congresos ou xornadas relacionadas con proxectos de interese para a Cátedra.
Neste eido, igualmente, prepararase o centenario da posta en servizo do edificio principal da ETAP de Cañás (Carral), a purificadora de auga máis antiga de España en funcionamento.
No 2024 tamén se contempla progresar nas diferentes liñas de investigación da Cátedra. No referente ao Plan AdO un dos obxectivos é desenvolver un observatorio AdO que permita ter unha serie de equipos que aporten experiencias e coñecemento sobre as cuestións que afectan á conca do río Mero. Neste sentido plantéxase lanzar unha iniciativa para protexer o bosque de ribeira da conca e mellorar a conectividade de hábitats para garantir a biodiversidade.
En canto ao Plan Ecad preséntase como prioritario iniciar actividades para dar a coñecer a calidade organoléptica da auga da Coruña e fomentar o seu consumo entre a poboación. Entre os obxectivos para 2024 deste plan está mellorar os sistemas de monitorización da rede de distribución.
Finalmente preténdese potenciar o Plan Aqualab, a liña de investigación menos desenvolvida das tres principais da Cátedra Emalcsa-UDC. Para iso é chave desenvolver a Plataforma Medusa#4, un simulador a escala do sistema de auga urbana no que se ten previsto implementar novas tecnoloxías baseadas na Intelixencia Artificial para mellorar a xestión da auga urbana. Outro dos retos será desenvolver un sistema que permita poñer a disposición dos investigadores toda a información relativa ao sistema de abastecemento de auga da Coruña para que estes podan realizar as súas investigacións.