Skip to content Skip to footer

Máis de 11700 persoas participaron nalgunha das actividades de divulgación do programa Coawa durante o curso 2023/24

Máis de 11700 persoas participaron nalgunha das actividades de divulgación de Coawa durante o curso 2023/24, o que posiciona esta iniciativa impulsada pola Cátedra Emalcsa-UDc como unha comunidade de referencia no que respecta á divulgación medioambiental vencellada á auga.

Os programas de Coawa tiveron unha grande acollida na comunidade educativa. De feito, nalgúns casos, as prazas dispoñibles, ainda ampliándoas o máximo posible, non puideron cubrir a demanda. Así, máis de 11400 alumnos e 400 profesores tomaron parte nestes programas, tanto nos que se desenvolveron fóra da aula como nos que o fixeron nos centros educativos.

Polo que respecta aos programas na aula, A auga non para, premiado pola Fundación Botín en 2021, contou coa participación de 1350 alumnos repartidos en 132 equipos que concursaron para chegar a unha final na que resultou vencedor o CEIP Sofía Casanova. Pola súa banda, 1680 escolares de Educación Infantil e Primaria gozaron do programa Debuxando a Natureza, que este curso gañou a aula de terceiro de Primaria do colexio Obradoiro. Esta actividades ten como obxectivo dar a coñecer aos nenos e nenas a interrelación de especies de flora e fauna que habitan na nosa contorna de xeito creativo e a través do traballo en equipo.

En canto aos programas que se desenvolven fóra da aula, as Rutas na Natureza achegaron máis de 3400 alumnos a Cecebre. Estas visitas experienciais supoñen unha actividade única na nosa contorna polo seu grande valor didáctico e emocional que permite aos escolares coñecer a riqueza ecolóxica do encoro in situ e respectando o medio.

Por último, as visitas á Estación de Tratamento de Auga Potable ubicada en Cambre e á contorna do río Mero contaron coa participación de máis de 5000 alumnos dende cuarto de Primaria até o Bacharelato. Con esta actividade tiveron a ocasión de coñecer as fases do proceso de potabilización da auga que se consume na Coruña e a súa área metropolitana e a contorna do río Mero guiados por un naturalista do equipo Coawa.

Pero ademais dos escolares tamén coñeceu Coawa a cidadanía, os concellos do área metropolitana da Coruña, así como institucións públicas e empresas privadas. No caso da primeira, máis de 300 persoas participaron nas xornadas de portas abertas para visitar a ETAP da Telva, onde coñeceron de primeira man as peculiares de sistema de auga urbano e o xeito de purificar a auga para que chegue aos domicilios en óptimas condicións.

Os concellos do área metropolitana da Coruña, pola súa banda, representados polos seus representantes de educación e medio ambiente, acudiron á Casa da Auga para asistir a un interesante encontro no que os representantes de Coawa lles presentaron a filosofía e obxectivos do proxecto. Foi unha interesante reunión que abre vías de colaboración para cumprir cun dos obxectivos fundamentais desta comunidade da auga como é a implicación de todos os axentes sociais no coñecemento e optimización da relación coa auga.

Coawa tamén se presentou a empresas da nosa contorna a través dunha ruta interpretativa polo encoro de Cecebre. Representantes da Corporación Hijos de Rivera, Museo Estrella Galicia (MEGA), Repsol, Marineda City, Ecoembes, Fundación Nortempo, Genesal Energy, Tac, La Opinión, Asociación de Empresarios de A Grela, Asociación de Empresarios de Pocomaco e Asociación de Empresarios de Bergondo gozaron da experiencia. «As empresas e institucións públicas son colaboradores importantes e necesarios para que o labor de divulgación de Coawa poda chegar á meirande cantidade de cidadáns posible», subliñou o director de I+D+i de Emalcsa, Ricardo Vázquez, na presentación da ruta interpretativas aos asistentes. As vías de integración das empresas en Coawa foi o eixo do traballo desta xornadas resumida neste vídeo.

Finalmente, Coawa participou nas feiras científicas, Día da Ciencia na Rúa que se celebrou na Coruña, e a Cullerciencia, que o fixo no Paseo Marítimo do Burgo. Na segunda uniuse a Gestagua para divulgar a importancia de coidar a auga e o medio natural. Esta unión puxo de manifesto a importancia de traballar en equipo nun eido tan importante como é o agua.