O 23 de febreiro celebrouse na sede da Cátedra Emalcsa-UDC un encontro entre os distintos representantes das concellerías de educación e medioambiente dos sete concellos que compoñen, xunto ao da Coruña, o sistema de abastecemento de auga da área coruñesa para coñecer os programas formativos de ‘Coawa, a comunidade da auga’ e explorar e traballar en vías de colaboración.
Coa iniciativa ‘Coawa’ a Cátedra Emalcsa-UDC achega, ás aulas dos centros educativos de Primaria e Secundaria pertencentes aos concellos da conca do río Mero, distintos programas formativos cós que os alumnos acadarán unha visión integradora do sistema de auga urbano co medio natural e as personas, compoñendo os tres eixos fundamentais de colaboración incluidos nos obxectivos de COAWA.
Representantes das concellerías de educación e medioambiente de Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada acudiron a unha xornada onde se presentou o proxecto de divulgación ‘Coawa, a comunidade da auga’, impulsado pola Cátedra Emalcsa-UDC
Os alumnos participantes coñecerán os procesos que segue a auga até chegar ás súas casas en relación coa contorna natural cercana e as interaccións entre ámbolos dous elementos como xeito de mellorar a nosa relación con el mesmo. Este coñecemento acádase a través de actividades presenciais (cos programas Coñece a ETAP da Telva e Roteiros Naturalistas na Contorna do Encoro de Cecebre), e de obradoiros na aula (co obradoiro sobre o ciclo da auga, en colaboración coa Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, denominado A Auga non Para e o concurso de debuxo naturalista Debuxando a Natureza, en colaboración co Grupo Naturalista Hábitat). Ademais, COAWA aporta unha comunidade onde os técnicos dos distintos concellos poden explorar formas de mellorar o coñecemento xeral dos cidadáns do sistema de auga urbano e a súa relación coa natureza dun xeito integrado e sostible, cumprindo sempre os ODS como marco de desenvolvemento.
No evento presentáronse os programas formativos de Coawa para este curso 2023/2024, que contarán coa participación activa de 10.400 alumnos de toda a área coruñesa. O acto servíu de base para explorar xeitos de colaboración no mesmo de todos os concellos vencellados ao sistema de abastecemento dependente da conca do río Mero
“COAWA é a resposta da Cátedra ao compromiso das institucións que a crearon de mellorar o coñecemento do medio que da soporte ao sistema de abastecemento, en clave supramunicipal, dende unha base científica e cunha visión integradora”, valorou Moisés Canle, director da Cátedra EMALCSA-UDC. Pola súa banda Jaime Castiñeira, director xeral de EMALCSA, comentou: “É fundamental a participación de todos os concellos que forman parte do sistema de abastecemento dependente da conca do río Mero para poder coñecer e divulgar sobre a importancia da relación entre a auga, o medioambiente e as personas. Só deste xeito, formando aos máis pequenos, acadaremos uns bos usuarios de presente e futuro, e unha axeitada conservación dos nosos recursos nun contexto de loita contra o cambio climático e as ameazas de contaminación e perda da biodiversidade”.
Esta xornada de encontro e posta en común abre vías de colaboración para cumplir cun dos obxectivos fundamentais desta ‘comunidade da auga’, como é a implicación de todos os axentes sociais no coñecemento e a optimización da relación coa auga. Nos vindeiros meses COAWA continuará co seu labor de difusión do programa e a integración de colaboradores nos diferentes eidos da sociedade.