Representantes de Corporación Hijos de Rivera, Museo Estrella Galicia (MEGA), Repsol, Marineda City, Ecoembes, Fundación Nortempo, Genesal Energy, Tac, La Opinión, Asociación de Empresarios de A Grela, Asociación de Empresarios de Pocomaco y Asociación de Empresarios de Bergondo coñeceron o venres 1 de xuño, a través dun roteiro interpretativo, a contorna do encoro de Cecebre e os obxectivos de divulgación do programa Coawa que promove a Cátedra Emalcsa-UDC.
A xornada comezou na Casa da Auga, dende onde salíu un autobús que levou aos asistentes á primeira parada, o Observatorio de Aves de Crendes, comezo do roteiro. Unha vez alí Sergio Roiloa, director da Cátedra Emalcsa-UDC, e Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, déronlles a benvida e subliñaron a importancia da contorna, de alto valor ecolóxico, na que se atopaban.
Rematada esta pequena introdución deu comezo o roteiro interpretativo guiado por naturalistas. A través dunha guía de campo que contiña todas as especies de flora e fauna que podían ver, e de feito viron, durante o percorrido, gozaron dun Roteiro na Natureza semellante a unha das actividades que ofrece Coawa e na que este ano participaron máis de 3000 persoas, na súa maioría escolares. Dun xeito activo e experiencial os visitantes tiveron a ocasión de coñecer esta contorna de gran valor, tan cercano e tan descoñecido á vez para moitos deles.
Concluido o roteiro, Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, explicou aos asistentes o traballo de divulgación que se desenvolveu dende Coawa neste primeiro ano de vida. Vázquez sinalou que a comunidade Coawa céntrase en vencellar emocionalmente ás persoas co territorio xa que, como dixo «non se ama o que non se coñece e só coidamos aquelo que amamos». Por outra banda o director de I+D+i de Emalcsa convidou ás empresas a unirse á comunidade Coawa: «as empresas e institucións públicas son colaboradores importantes e necesarios para que o labor de divulgación de Coawa poda chegar á meirande cantidade de cidadáns posible».
«As empresas e institucións públicas son colaboradores importantes e necesarios para que o labor de divulgación de Coawa poda chegar á meirande cantidade de cidadáns posible»
Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa
Neste sentido, o director da Cátedra Emalcsa-UDC, Sergio Roiloa, engadiu: «Non pretendemos salvar o mundo pero si que o nosa pequena contorna, a cunca do río Mero, siga a estar así de conservada e, polo tanto, manteña a calidade da auga».
Da conservación desta contorna de gran valor falou aos visitantes Santiago Vázquez, membro da comunidade Coawa e vicepresidente do Grupo Naturalistas Hábitat, que destacou que dende a constitución de Hábitat en 1979 levan traballando na protección da contorna e en especial deste enclave tan importante como é Cecebre. Por este motivo, continuou, non dubidaron en se integrar dende un primeiro momento na comunidade Coawa.
Por último, Noemí Bellas, directora do proxecto Coawa, trasladou a importancia que teñen as empresas como impulsoras dun cambio social positivo e animounas a sumarse a Coawa. «É importante para nós que vos integredes na nosa comunidade para poder traballar xuntos». Bellas explicou a estrutura e actividades que desenvolve Coawa e que xa chegaron a máis de 15000 persoas, na súa maioría escolares, neste primeiro ano de vida.
Deste xeito concluiu unha xornada que marca o inicio da integración de todos os axentes sociais que o programa Coawa que impulsa a Cátedra Emalcsa-UDC considera esenciais para poder chegar a toda a poboación.