Emalcsa e a multinacional francesa VINCI Energies están a estudar a posibilidade de instalar unha planta de produción de hidróxeno verde e oxíxeno mediante electrólise na estación de tratamento de auga potable da Telva (Cambre). Este proxecto de economía circular, denominado ‘OH!ZONE, Oxygen & Hydrogen for Water Facilities’, ten un dobre obxectivo:
a) lograr que A Telva produza, a partir do hidróxeno verde, a súa propia enerxía e reduza considerablemente a súa factura eléctrica.
b) transformar o oxíxeno en ozono mediante o proceso de electrólise e contar cunha alternativa máis de desinfección da auga.
O ‘OH!ZONE’ é un proxecto estandarizado que, por unha banda, produce mediante un proceso de electrólise hidróxeno que, posteriormente, é almacenado e transformado en electricidade vía coxeneración; e por outra produce oxíxeno, que é transformado en ozono. A iniciativa está adaptada ás necesidades enerxéticas da ETAP da Telva, se ben podería replicarse logo en todo tipo de instalacións de tratamento de auga potable para dar resposta a dous dos seus principais desafíos: lograr unha maior autonomía enerxética e, polo tanto, unha redución na factura eléctrica; e propor unha nova alternativa de desinfección da auga a partires da ozonización desta.
A Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) da Telva é unha planta industrial na que se capta, decántase, fíltrase e esterilízase a auga pdocedente do encoro de Cecebre a través do río Mero. Unha vez completado este proceso a auga impúlsase ás cabeceiras das redes de abastecemento, xa apta para o consumo humano. Consta de tres plantas de tratamento con liñas similares cuxa diferenza reside básicamente nos equipos e a tecnoloxía dos seus mecanismos reguladores. A suma das tres plantas ofrece unha capacidade de tratamento de 2.325 litros por segundo.