Skip to content Skip to footer

Coawa lanza un mapa virtual que permite á cidadanía percorrer os enclaves actuais e históricos máis importantes do sistema de auga urbano da Coruña

No seu afán de achegar á cidadanía a importancia que ten a auga dende unha visión integrada co medio ambiente e as persoas, a Cátedra Emalcsa-UDC, a través do seu su programa Coawa, vén de lanzar un mapa virtual que permite aos cidadáns percorrer dende a súa computadora ou dispositivo móbil o sistema de auga urbano da Coruña e a súa área metropolitana.

O percorrido virtual comeza na Casa da Auga, sede de Emalcsa. A primeira parada é no acueducto ubicado no Paseo das Pontes, parte da Viaxe de Augas construída no século XVIII que conducía a auga dende a Arqueta dos Cristais (tamén coñecida como dos Frades), situada en San Pedro de Visma, até as fontes da Coruña. Este vestixio lembra o xeito que tiñan os habitantes da cidade de se abastecer de auga até que en 1903 se inaugurou a traída. O percorrido virtual condúcenos logo ao Mero, río fundamental para abastecer de auga a A Coruña e a súa área metropolitana.

A seguinte parada da viaxe polo sistema de auga da Coruña lévanos á Estación de Tratamento de Auga Potable de Cañás, lugar no que Emalcsa deu os seus primeiros pasos no que a innovación se refire. Ubicada en Carral, nela tivo lugar a primeira captación de auga (no río Barcés) que levou auga a A Coruña en 1908. Esta planta, a máis antiga en funcionamento de toda España, todavía potabiliza auga hoxe en día, se ben só para o concello de Carral.

Tras Cañás diriximonos ao encoro de Cecebre, un lago artificial creado a través dunha infraestrutura civil denominada presa de cuxa construción cúmprense 50 anos en 2024. Constitúe o principal elemento de regulación dos caudais do río e a súa finalidade é manter unha cantidade de auga almacenada suficiente para poder atender en todas as épocas do ano as demandas da poboación. É a infraestrutura que garante o abastecemento de auga á Coruña e a súa contorna.

Despois de visitar o encoro e a presa de Cecebre imos á ETAP da Telva, unha instalación ubicada no concello de Cambre composta por varias plantas que se corresponden con diferentes épocas. Comezou a funcionar en 1939, unha vez que a planta de Cañás viuse insuficiente para atender a crecente demanda de auga da Coruña. Nesta instalación trátase na actualidade a auga que consumimos na cidade.

A próxima para do percorrido sitúanos nos depósitos de auga de Bergondo, que son a cabeceira do sistema que subministra auga aos concellos de Sada e Bergondo e parcialmente aos de Cambre e Oleiros. Dende alí desprazámonos de xeito virtual aos depósitos de Culleredo, que foron evolucionando ao longo dos anos até culminar en 2021 coa posta en marcha do depósito de Almeiras. Esta é a cabeceira do principal sistema de abastecemento, xa que ademáis de subministrar o 100% de auga a A Coruña tamén permite que a auga chegue a Arteixo e Culleredo. Así mesmo tamén subministra auga a parte de Oleiros e Cambre. De Culleredo trasladámonos até o depósito de auga de Eirís, que almacena auga para unha importante parte da Coruña, e dende este ao do Ventorrillo que, como o de Eirís, tamén almacena unha importante cantidade de auga que se distribúe na Coruña.

A viaxe virtual remata na Edar de Bens, estación depuradora de augas residuais e unha instalación clave para devolver as augas usada á natureza nas condicións que marca a lexislación.