O XXVII Día da Ciencia na Rúa volveu encher o Parque de Santa Margarida de visitantes interesados pola ciencia. E iso que, a diferenza de anos anteriores, a chuvia fixo acto de presenza nalgúns momentos. Unha edición máis, e a tenor da expectación que levantou, esta feira de divulgación científica organizada este 2023 polos Museos Científicos Coruñeses, a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Cátedra Emalcsa-UDC, cumpriu con creces a súa misión de achegar a ciencia aos cidadáns dun xeito lúdico.
A Cátedra Emalcsa-UDC tivo de novo tenda propia. Nela amosou curiosos experimentos relacionados coa auga entre os que introduxo un novedoso con respecto a anteriores edicións da feira: unha simulación dalgunhas das fases que se realizan para depurar a auga e que ésta chegue ás nosas billas en óptima calidade. Unha especie de imitación, a pequenísima escala, do proceso de depuración da auga que se desenvolve na ETAP da Telva situada en Cambre, estación que se ocupa de tratar a auga que consumimos na Coruña e a súa área metropolitana.
A simulación atraeu numeroso público á tenda da Cátedra Emalcsa-UDC durante todo o día. Os cidadáns mostráronse moi interesados en coñecer o proceso de depuración da auga así como as diferentes fases do mesmo que se explicaron: desbaste (eliminación de sólidos en suspensión na auga), filtración (paso da auga por un filtro de area co obxectivo de eliminar os residuos sólidos de menos tamaño), coagulación e floculación (proceso mediante o que se eliminan as pequenas partículas xeradas pola erosión por auga), decantación (despois do proceso de coagulación e floculación, as partículas sedimentan e retíranse da auga), adsorción con carbón activo (utilízase, sobre todo, no verán, cando a concentración de cianobacterias aumenta, pois axuda a súa eliminación) e cloración (é o derradeiro paso no tratamento da auga. Consiste na adición dunha serie de reactivos que veñen de deixar a auga en condicións óptimas de esterilización e libre de patóxenos).
Xunto á simulación do proceso de depuración da auga, a Cátedra Emalcsa-UDC amosou aos visitantes máis experimentos, algún deles relacionados coa eutrofización. É este un fenómeno natural ocasionado polo excesivo crecemento de plancton vexetal en ríos, lagos e encoros debido a unha alta concentración de nutrientes, o que provoca a morte e descomposición da materia vexetal e o mal estado destas masas de auga.
Un dos experimentos presentados para exemplificar en que consiste a eutrofización foi o relacionado coa estratificación da auga a causa da luz solar. Deste xeito utilizouse unha lámpada de IR infravermellos para simular o sol e demostrar como o seu efecto sobre a auga fai que ésta se divida en dúas capas: unha de auga quente que, pola súa menor densidade, queda na superficie, e outra de auga fría que se ubica no fondo. Na zona quente empezan logo a xerarse microalgas que, no caso de ser sobrealimentadas con, por exemplo, fertilizantes, crecen desmesuradamente e non permiten o paso de luz solar ao fondo do lago ou encoro. Esta situación provoca a morte das especies que habitan alí por falta de oxíxeno. Este é un dos fenómenos que xeneran a eutrofización.
Como xa sucedera na anterior edición, Emalcsa tamén estivo presente no Día da Ciencia na Rúa para promover o consumo da auga da billa. Por este motivo instalou unha serie de fontes conectadas á rede de abastecemento na zona da Casa das Ciencias para que os participantes puidesen reencher cando quixesen botellas reutilizables. Deste xeito, ademais, tamén se fomentou a redución do uso de botellas de plástico.
O XXVII Día da Ciencia na Rúa contou coa presenza de 48 centros educativos (13 máis que a anterior edición) da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Arteixo, Miño, Arzúa, Pontedeume, As Pontes, Outes, Zas, Poio, Oleiros e Cerceda. Todos eles amosaron ao público as actividades e experiencias que estiveron a preparar nos últimos meses e que fixeron gozar da ciencia aos que visitaron o sábado 6 de maio o Parque de Santa Margarida.
Tamén o fixeron diferentes entidades e institucións vencellada á actividae científica que participaron no Día da Ciencia na Rúa como a Universidade da Coruña, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), a asociación Luzada da USC ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
Rematado o Día da Ciencia na Rúa, a Cátedra Emalcsa-UDC comezará a preparar xa a súa presenza nas feiras científicas nas que participará este 2023, a primeira das cales será, seguramente, a Cullerciencia.