O valor económico anual da auga e dos ecosistemas acuáticos ascende a 58 billóns de dólares (algo máis de 55 billóns de euros), o que equivale ao 60% do Produto Interior Bruto mundial. Esta é a conclusión do informe O elevado custo da auga barata: o verdadeiro valor da auga e dos ecosistemas de auga doce para as personas e o planeta, elaborado pola organización internacional independente dedicada á conservación da natureza e o medio ambiente WWF e publicado o 16 de outubro de 2023 co gallo da conmemoración do Día Mundial da Alimentación. Polo que respecta a Europa, este valor sitúase nos 11 billones de euros, equivalente a multiplicar por 2,5 o PIB da principal potencia europea: Alemaña.
A importancia da auga é incuestionable. E máis neste tempos nos que os efectos do cambio climático no que estamos inmersos fanse evidentes, con eventos extremos e alteracións climáticas inesperadas para a cidadanía. Pero até o de agora non se tiña certificado con números esta importancia, e iso é o que fai o informe de WWF.
«O infinito valor que as sociedades, as economías e os ecosistemas obteñen dos ríos, lagos, zonas húmidas e acuíferos pásase crónicamente por alto. Máis dun terzo da produción mundial de alimentos depende directamente dos ríos polo seu papel crucial no sostemento da pesca de auga doce, as terras de cultivo de rego, a agricultura de recesión por inundacións e os deltas altamente fértiles e ricos en nutrientes. (…) A auga tamén é fundamental para a produción industrial de bens, o transporte por vías de navegación interior e todas as formas de produción de enerxía. O que máis adoita pasar por alto é o inmenso valor que aportan os ecosistemas de auga doce intactos ás persoas e a natureza. Ofrecen funcións reguladores críticas do ecosistema e sosteñen a biodiversidade, e o seu valor esténdese aos ecosistemas mariños e terrestres. A auga é a principal canle a través da que as sociedades, as economías e os ecosistemas experimentan os profundos efectos da crise climática do século XXI, por exemplo a través de graves secas, inundacións catastróficas ou contaminación da auga. O inmenso valor dos ecosistemas de auga doce —incluída a capacidade das zonas húmidas para filtrar a contaminación, das chairas aluviais para absorber o peor das inundacións, e dos acuíferos e mananciais para proporcionar suficiente auga de boa calidade para aumentar a resistencia ás secas— pasa decote desapercibido», explica o informe de WWF.
Esta é a razón que levou á organización naturalista a elaborar un informe que avale con cifras a importancia da auga e dos ecosistemas acuáticos. Segundo WWF, o «valor total cuantificable do uso económico da auga» ascende a 58 billóns de dólares (máis de 52 billóns de euros) anuais, é dicir, o 60% do PIB mundial.
Os beneficios do uso directo da auga (consumo directo de bens e servizos proporcionados por esta) para os fogares, a agricultura e diferentes industrias valórase neste informe nun mínimo de 7,5 billóns de dólares ao ano (7,1 billóns de euros). E a esta cifra hai que lle sumar 50 billóns de dólares (47,4 billóns de euros), cantidade coa que se valoran os beneficios indirectos da auga doce para o benestar humano que aportan os procesos naturais dos ríos, lagos, zonas húmidas e acuíferos, que van dende a purificación da auga e o aporte de sedimentos até a conservación da biodiversidade, pasando pola protección das comunidades fronte a secas graves e inundacións.
Logo de cuantificar o valor da auga, WWF sinala que a xestión da auga sempre se centrou nos usos indirectos desta («considerando os ríos como simples condutos de auga, as zonas húmidas como ‘terreos baldíos’ e os lagos e acuíferos como reservas de auga que se poden bombear e contaminar sen consecuencias»). Ademais «as extraccións insostibles de augas superficiais e subterráneas, as alteracións humanas dos caudais fluviais, a contaminación da auga pola agricultura, os refugallos industriais e as augas residuais, así como o impacto do cambio climático nos rexímenes pluviais e o desxeo dos glaciares, amezan a saúde dos nosos ecosistemas de auga doce», subliña o informe.
Por este motivo, WWW considera que o mundo precisa urxentemente intensificar a acción en materia de auga e mitigar a crise da auga doce que sofre boa parte do planeta. Para iso propón unha batería de medidas entre as que figuran restaurar e protexer os ecosistemas de auga doce, integrar os sistemas de xestión dos recursos fluviais e hídricos e investir en novas tecnoloxías que melloren a potabilización da auga, a súa distribución e tratamento.
Podedes ler o informe completo aquí.