A Fundación Repsol e Coawa organizaron o 13 de outubro unha xornada de voluntariado ambiental que tivo como escenario o encoro de Cecebre. Foi un evento no que compartiron o seu profundo interese polo desenvolvemento sostible e a busca do equilibrio entre a conservación dos recursos naturais e o impacto ambiental producido polas persoas.
As familias participantes gozaron primeiro dunha ruta interpretativa polo encoro de Cecebre da man de profesionais naturalistas. Deste xeito puideron comprobar in situ a riqueza ecolóxica do encoro e as diferentes especies de flora e fauna que o habitan.
Deseguido tiveron a ocasión de coñecer a presa de Cecebre, infraestrutura cuxo interior poucas veces se pode visitar. Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, explicou aos asistentes a historia da presa, cando e porque se construiu, os traballos de mantemento que se lle fan para que esté en perfecto estado ou o xeito no que se controla o seu nivel de auga.
Tras saír do interior da presa os visitantes achegáronse ao paso de lontras que se construiu no encoro en 2020 por iniciativa do Grupo Naturalista Hábitat para rematar cos atropelos que estes animais estaban a sufrir na estrada AC-221. O paso, cuxa construción respaldou Emalcsa dende o primeiro momento, foi un éxito. Os animais utilizano decote, como demostrou o Grupo Naturalista Hábitat mediante a técnica do fototrampeo, e xa non corren o risco de seren atropelados.
A xornada rematou cun picnic nas inmediacións da presa que uniu a máis de 50 persoas nesta contorna natural privilexiada.