Skip to content Skip to footer

A doutora Carmen Cillero, colaboradora da Cátedra Emalcsa-UDC, lidera, en representación do sistema Cecebre-Meirama, o grupo sobre teledetección acuática no último encontro da Rede internacional Gleon

O encoro de Cecebre, e o sistema que forma co Lago de Meirama, piar do abastecemento de auga aos 400.000 habitantes da Coruña e a súa área metropolitana, estivo representado no encontro anual da Global Lake Ecological Observatory Network (GLEON) que se celebrou entre o 8 e o 12 de abril. A representación ostentouna Carmen Cillero, doutora enxeñeira de Montes da empresa 3edata e colaboradora da Cátedra Emalcsa-UDC, que é a que lidera, en nome de Emalcsa e a Universidade da Coruña, as actuacións nesta rede.

A Rede Gleon, á que o sistema Cecebre Meirama (único Gleon Site da Península Ibérica e o máis meridional de Europa) pertence dende 2017 (a súa inclusión foi unha das primeiras iniciativas da Cátedra Emalcsa-UDC), está composta por científicos, técnicos, xestores e estudantes de diferentes lugares do mundo. O seu obxectivo é estudar os procesos de funcionamento das masas de auga a nivel global e aplicalos para protexer, conservar e mellorar os nosos lagos e encoros.

A reunión foi virtual e, por primeira vez, contou cun anfitrión local dunha rexión infrarrepresentada: o Instituto de Investigación Pesqueira de Tanzania. O obxectivo era poñer o foco na investigación que se está a desenvolver no lago Tanganica ou nos grandes lagos africanos.

A doutora Cillero liderou de novo o grupo de traballo de teledetección acuática, no que tivo lugar un debate que deu como resultado un proxecto centrado en utilizar os datos teledetectados no marco de esquemas de modelización ecolóxica de lagos e encoros co propósito de aumentar e mellorar os datos de base e as prediccións posteriores. Este grupo centrado na teledetección acuática (Remote Sensing Working Group) comenzou a andar en 2022, está a ter un grande éxito de participación e fixo posible o desenvolvemento de novas ideas de traballo para o futuro nas que se usarán datos do encoro de Cecebre e dos programas globais de observación da Terra (EU Copernicus e Nasa) para aportar coñecemento a nivel global acerca de diferentes procesos de interese no funcionamento de lagos e encoros.

Estas reunións virtuais, que se intercalan cos congresos presenciais, teñen o propósito de realizar un seguimento das investigacións propostas en anteriores encontros, así como permitir un acceso á Rede máis global, circunstancia que nas reunións presenciais complica o custo económico dos desprazamentos ou a necesidade de visado.

A vindeira reunión da Rede Gleon celebrarase do 17 ao 21 de febreiro en Sumatra (Indonesia).