O vindeiro 12 de xullo, no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, terá lugar a xornada ‘Humidais construídos para a depuración de augas residuais’. A Cátedra Emalcsa-UDC promove este evento organizado pola spin-off da universidade herculina, Humidal Sedaqua, e o grupo de investigación da UDC, EnAmb-React!
A xornada comezará ás 9.30 h. e rematará ás 14.30 h. e nela participarán distintos expertos na materia. Marta Sánchez Núñez (investigadora do grupo EnAmb-React!) explicará o funcionamento dos humidais construídos para a depuración de augas residuais. Sandro Xavier de Campos (profesor da Universidade Estadual de Ponta Grossa, Paraná, Brasil) abordará o postratamento de efluentes dixestores anaerobios por sistemas de filtración co obxectivo de reutilizar augas residuais. Moisés Canle, director da Cátedra Emalcsa-UDC, será tamén un dos relatores desta xornada, na que abordará o postratamento mediante procesos de oxidación avanzada como complemento ás solucións baseadas na natureza. José Anta (profesor da UDC e investigador do grupo Geama) falará dos sistemas de drenaxe urbana sostible. Finalmente, María Alonso Gato (técnica da empresa organizadora do evento, Sedaqua) explicará a oferta que presenta a súa firma no que respecta a depuración de augas.
O evento rematará cunha visita técnica á planta de depuración mediante humidais construídos do Concello de Abegondo, que estará dirixida polo enxeñeiro agrónomo Carlos Ameixenda.
Os interesados en asistir á xornada poderán facelo presencialmente na Facultade de Ciencias ou de xeito virtual a través de plataforma Teams. En ámbolos dous casos é preciso inscribirse aquí.