A Cátedra Emalcsa-UDC presentou o 12 de decembro na Sala Leonardo da Vinci da Domus os resultados das investigacións realizadas entre 2021 e 2024. Nunha xornada que se extendeu durante toda a mañá e que levantou unha grande expectación, con máis de 70 asistentes directos e 60 a través da canle de Youtube de Emalcsa, diferentes investigadores da Universidade da Coruña que colaboran coa Cátedra debagaron os resultados obtidos nos proxectos desenvolvidos no marco das principais liñas de investigación desta: Plan AdO (Auga dende a Orixe), Plan Ecad (Excelencia na Auga Distribuida) e Aqualab (Mejora Dixital do Sistema de Auga Urbana). Todos os proxectos presentados, como subliñaron moitos dos relatores, teñen un mesmo obxectivo: beneficiar á cidadanía da Coruña e da súa área metropolitana mellorando a xestión e a calidade da auga que consumimos na cidade herculina e a súa área metropolitana, así como contribuír ao coñecemento xeral na xestión da auga. O vídeo da xornada, que se retransmitiu en streaming, pódese ver aquí.
Ricardo Cao, reitor magnífico da Universidade da Coruña; Roi Fernández Añón, director de Augas de Galicia, Xunta de Galicia; Yoya Neira Fernández, concelleira de Medio Ambiente do Concello da Coruña; Jaime Castiñeira de la Torre, director xeral de Emalcsa; e Sergio Roiloa, director da Cátedra Emalcsa-UDC, foron os encargados de abrir a xornada.
Sergio Roiloa sinalou que a Cátedra cumpre co seu obxectivo de xerar coñecemento e transmitilo para conservar e facer unha xestión máis sostible da auga. Así mesmo puxo en valor o traballo realizado polos relatores e agradeceu a Emalcsa a aposta pola Cátedra, por considerala unha ferramenta axeitada para contribuír á actividade da empresa que xestiona a auga na Coruña.
O director xeral de Emalcsa, Jaime Castiñeira, subliñou a firme aposta da empresa pola innovación e pola continuidade da Cátedra Emalcsa-UDC para facela cada vez máis interesante dende o punto de vista da investigación. A súa intervención pechouse co agradecemento a todos os investigadores polo excelente traballo feito.
Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente do Concello da Coruña, Yoya Neira, destacou a calidade da Universidade da Coruña no eido da investigación e a relevancia desta última para estabelecer políticas públicas. Neira tamén agradeceu o traballo realizado polos investigadores e reafirmou o compromiso do Concello para seguir colaborando coa universidade coruñesa.
Roi Fernández, director de Augas de Galicia, subliñou na súa intervención os retos que enfrenta o sector da auga, como o cambio climático. Neste sentido anunciou a creación, por parte de Augas de Galicia, dunha Escola da Auga, un espazo de formación pero tamén de colaboración. Roi Fernández sinalou que os resultados acadados pola Cátedra Emalcsa-UDC confirman que o camiño da formación, da transferencia de coñecemento e da colaboración é o axeitado.
Ricardo Cao, reitor magnífico da Universidade da Coruña, puxo fin á presentación da xornada. Cao cualificou á Cátedra Emalcsa-UDC como «un referente de colaboración entre a academia e a empresa sempre ao servizo da sociedade e do medio ambiente», e subliñou que esta cumpriu, nalgúns casos con creces, cos seus obxectivos iniciais: abordar os desafíos relacionados coa auga dende a xestión eficiente ata a súa calidade e sostibilidade. Cao referiuse especialmente a algúns dos avances acadados pola Cátedra nos tres últimos anos en áreas claves, o que supuxo un beneficio para a cidadanía e para posicionar a A Coruña como unha referencia na xestión hídrica. Entre estes avances aludiu á xestión sostible da auga; á implementación de metodoloxías innovadoras; á optimización dos recursos hídricos en contextos urbanos; ou á transferencia de coñecemento. Por último, o reitor puxo en valor o importante labor da Cátedra no que á divulgación se refire e reafirmou o compromiso da Universidade con ela e coa sostibilidade.
Tras a presentación da xornada interveu Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, para facer un pequeno percorrido pola historia da Cátedra e polos proxectos realizados por esta nos últimos tempos. Vázquez non so se referiu ás iniciativas de investigación, tamén quixo destacar as relativas á divulgación ambiental que lidera o programa Coawa, a comunidade da auga, unha iniciativa que achega á sociedade a importancia da auga dende unha visión integrada co medio ambiente e as personas. O director de I+D+i de Emalcsa explicou que nos oito últimos anos desenvolvéronse 25 proxectos no ámbito da Cátedra nos que participaron máis de 50 investigadores da UDC e que a aportación económica de Emalcsa ás actividades da Cátedra roldou os 700000 euros. Para rematar o seu relatorio anunciou a intención da Cátedra de crear un espazo de debate no que poderían participar investigadores galegos do sector da auga.
José Luis Cereijo, investigador do Grupo de Investigación Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (Geama) da UDC foi o encargado de iniciar a presentación de resultados das investigacións realizadas no marco do Plan AdO na área de Limnoloxía. Cereijo fixo unha exposición sobre os sistemas empregados para controlar a calidade das augas. Neste sentido referiuse á inclusión do encoro de Cecebre na Rede Gleon, unha rede científica internacional con observatorios de lagos e encoros en todo o mundo. Cecebre é o único da Península Ibérica. Os investigadores da Cátedra participaron en diferentes iniciativas enmarcadas nesta rede ás que se referiu Cereijo. Algunhas delas deron lugar a relevantes estudos, como o que foi portada da prestixiosa revista Nature sobre a presenza de microplásticos en lagos e encoros.
Deseguido tomou a palabra Rafael Carballeira, membro do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental da Universidade da Coruña. O seu relatorio, que comezou eloxiando a xestión que fai Emalcsa do encoro de Cecebre e o seu interese polo coñecemento como unha experiencia prácticamente única a nivel nacional, versou sobre os estudos desenvolvidos para o seguimento do fitoplancton no encoro de Cecebre, o que inflúe na calidade da auga. O traballo realizado, sinalou Carballeira, revela que a calidade da auga do encoro, no referente ás poboacións de microalgas, é boa. Neste sentido afirmou que as cianobacterias proliferan en periodo estival en Cecebre, pero que non supoñen un problema dado que non se detectaron contidos de toxinas relevantes. Porén advertiu da necesidade de estabelecer medidas de control para que non chegue a selo.
Jordi Delgado, catedrático de Enxeñería do Terreo da Universidade da Coruña, membro do Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente (Geama) e coordinador do Plan AdO, foi o seguinte en intervir. O seu relatorio centrouse nos resultados da avaliación de sedimentos e o estado do encalco da Telva (Cambre). Jordi Delgado sinalou que o encalco é unha infraestrutura na que se produciu unha revexetación, quizais natural, o que modificou o cauce do río Mero, o que significa un maior aporte de materia orgánica nos sedimentos que decote se depositan nestas infraestruturas. Esto pode xerar problemas operativos para a ETAP da Telva, fundamentalmente no incremento de custos e un meirande estrés de funcionamento. Delgado advertiu de que é convinte tomar medidas para mellorar esta situación e garantir o mellor servizo que presta a ETAP da Telva e que, para isto, é precisa a colaboración de diferentes administracións.
Moisés Canle, catedrático de Química Física da UDC e director da Cátedra Emalcsa-UDC desde 2021 ata xaneiro de 2024, pechou a presentación de resultados do Plan AdO (área de Limnoloxía). Canle expuxo os traballos realizados para monitorizar a presenza de contaminantes emerxentes e microplásticos na bacía dos ríos Mero e Barcés y no abastecemento de auga a A Coruña. Polo que respecta aos primeiros, o ex director da Cátedra Emalcsa-UDC sinalou que, ainda que os resultados non son preocupantes, sería convinte seguir monitorizando e plantexarse tratalos, se ben a tecnoloxía existente para facelo, polo momento, ainda non é completamente operativa. Polo que respecta aos microplásticos a súa presenza non é relevante e non merma a calidade da auga. Porén si apuntou a conveniencia de estabelecer mecanismos de control e prevención.
Manel Leira, actualmente investigador no grupo de Biodiversidade, Bioxeografía e Conservación Integrativa da Universidade de Santiago de Compostela; e Alejandro Martínez Abraín, profesor titular de Ecoloxía na UDC, foron os encargados de presentar os resultados do Plan Ado na área de Ecoloxía. O relatorio do primeiro foi Bioindicadores: a vexetación acuática desvela a saúde ecolóxica dos ríos Mero e Barcés. Nel revelou que os estudos realizados sinalan que o estado ecolóxico do río Barcés é excelente e que o do Mero, aínda que inferior, está entre moderado e bo. Leira sinalou que o peor estado do Mero débese, seguramente, á intervención humana, que é máis intensa que no caso do Barcés.
Pola súa banda, Alejandro M. Abraín, falou sobre a distribución da toupa de auga (Galemys pyrenaicus) na bacía do río Mero como bioindicadora da constancia de caudal ao longo do ano hidrolóxico. Esta especie, considerada en perigo de extinción, só vive en masas de auga de boa calidade polo que a súa presenza na bacía Mero-Barcés é moi relevante. Abraín explicou que a toupa de auga habita, sobre todo, no cauce do Mero e que Galicia vai xogar un papel fundamental na conservación desta especie.
Tras unha pausa-café de media hora retomouse a xornada coa presentación dos resultados das investigacións desenvolvidas no marco do Plan ECAD e o Aqualab. Ricardo Juncosa, catedrático da Universidade da Coruña no departamento de Enxeñería Civil, foi o primeiro en intervir para expoñer os traballos de monitorización e seguimento dos parámetros fisicoquímicos da auga da rede de distribución nun panel de tubaxes para analizar a calidade da auga. Segundo Juncosa, os estudos realizados sinalan a necesidade de identificar e caracterizar os procesos químicos que inflúen na xeración de episodios de turbidez na auga da Coruña, a necesidade de dispor de puntos de control e seguimento na rede de abastecemento e na saída das estacións de tratamento de auga potable, e a importancia de identificar na rede puntos vulnerables nos que se podan formar sedimentos.
Deseguido tomou a palabra Héctor Quintián, profesor da UDC no departamento de Enxeñería Industrial e coordinador do Plan Aqualab da Cátedra Emalcsa-UDC. Quintián abordou a dixitalización e optimización nas redes de distribución de auga da Coruña, reto no que xoga un papel fundamental a Plataforma Medusa#4, simulador do sistema de auga urbano da Coruña ubicado no Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil-CITEEC da Universidade da Coruña. Esta infraestrutura científica púxose en marcha no marco do Proxecto Brain-IoT de Emalcsa realizado entre 2017 e 2020. Quintián presentou esta plataforma e explicou as posibilidades que ofrece para testar novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial, antes de implementalas no sistema de abastecemento de auga da Coruña. Neste sentido, Quintián referiuse a dous proxectos que están en marcha. O primeiro é o Poseidón, centrado na detección de vulnerabilidades en contadores para evitar ciberataques. O segundo é o Sigorac que, entre outras cousas, ten como obxectivo detectar fugas de auga.
Por último, Joaquín Suárez, doutor enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, profesor da UDC, membro do Grupo Geama e primeiro director da Cátedra Emalcsa-UDC, presentou un proxecto centrado na análise de solucións de saneamento no medio rural con poboación dispersa, cunha aplicación práctica no concello de Carral. O estudo realizado validou o sistema utilizado, aínda que tamén revelou a necesidade de revisar algúns parámetros, e que a súa orixe está vencellada aos traballos previos desenvolvidos entre o Grupo Geama e Aguas de Galicia para definir os sistemas de saneamento en áreas rurais.
Unha vez presentados os resultados das investigacións desenvolvidas no marco das principais liñas de investigación da Cátedra Emalcsa-UDC: Plan Ado, Plan Ecad e Aqualab, tomou a palabra Carlos Amoedo, catedrático da UDC no departamento de Dereito Público, que explicou o convenio para o estabelecemento das bases de deseño para recomendación dun modelo de xestión da auga urbana en Santiago de Compostela. Esta é unha actividade que transcende o ámbito de traballo da Cátedra e que abre a mesma a colaboracións con outras administracións onde se podan aplicar os coñecementos vencellados á UDC e a Emalcsa na xestión para mellorar outros sistemas de auga urbana.
Deseguido celebrouse unha mesa de debate que modeoru o vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Jerónimo Puertas. Nela Pablo Estévez Torrado (Gestagua), José Ramón Padín (Aqualia), Leticia Rodríguez (Viaqua/Cetaqua), Óscar Rodríguez (Espina&Delfín), e Juan M. Lema, do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) da Universidade de Santiago, debatiron sobre o estado e o futuro da I+D+i no eido da xestión da auga urbana en Galicia. No debate manifestouse de xeito xeralizado a importancia da I+D+i para dar resposta aos retos plantexados e que existe capacidade no tecido galego, pero que hai dificultades moi importantes en termos de financiamento. Tamén se manifestou a necesidade da colaboración e o estabelecemento de sinerxías para acadar mellores logros e poder mellorar de xeito significativo a problemática en entornos de xestión de pequenas comunidades.
Como peche da xornada, os directores da Cátedra Emalcsa-UDC no periodo 2021-2024, Moisés Canle e Sergio Roiloa, fixeron un balance do acadado pola Cátedra nos últimos anos. O primeiro deles fixo unha breve análise dos logros nos últimos catro anos. Entre eles resaltou a notable produción científica realizada, as sinerxías creadas con outras áreas da Universidade da Coruña ou a internacionalización da Cátedra, cuxa referencia empeza a ser moi frecuente en proxectos europeos, é dicir, que as investigacións desenvolvidas no seu seo se coñezan en todo o mundo. Canle sinalou que estes logros non serían posibles sen a dotación financeira posta a disposición da Cátedra por parte do Concello, ao que agradeceu a súa xenerosidade neste senso e o entender que o labor da Cátedra vai en beneficio da sociedade. Así mesmo anunciou a publicación do primeiro anuario de comunicación da Cátedra, o de 2023, que podedes ler aquí.
Sergio Roiloa, pola súa banda, referiuse ao futuro da Cátedra que, segundo él, debe seguir a crecer no plano institucional a través de xornadas, seminarios, os premios e o programa de divulgación ambiental Coawa. Ademáis, Roiloa destacou a importancia que a investigación debe seguir tendo na Cátedra. A xeración e transferencia de coñecemento, escoitando as necesidades de Emalcsa, debe ser un piar no vindeiro ciclo da Cátedra.
Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, puxo fin á xornada, agradecendo aos investigadores o seu esforza, a Emalcsa a aposta e a responsabilidade e aos asistentes o seu interese.
A xornada foi retransmitida en streaming pola canle de YouTube de Emalcsa. Deseguido pódese ver o vídeo.