Coawa, a comunidade da auga é un proxecto de divulgación, coñecemento e investigación promovido pola Cátedra Emalcsa-UDC. Nace co obxectivo principal de crear unha comunidade onde todos os axente sociais (centros educativos, entidades, empresas, familias…) participen cunha meta común: coñecer, preservar e optimizar a nosa relación coa auga.
Gran parte da actividade desta comunidade diríxese aos centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana xa que, como apunta Ricardo Vázquez, director de Coawa, «a educación dos máis pequenos é o mellor camiño para acadar uns mellores usuarios de auga do mañán».
Coawa pon a disposición dos alumnos dos distintos niveis educativos visitas experienciais: Coñece a ETAP da Telva (onde verán o proceso de potabilización da auga que consumen) e Rutas da Natureza (onde poderán coñecer a flora e máis a fauna que habita na contorna do encoro de Cecebre). Ademais de programas a desenvolver na aula como A auga non para (concurso de preguntas e respostas sobre o ciclo da auga para 5º e 6º de Primaria, galardoado pola Fundación Botín nos seus Premios á Xestión Sostible da Auga no ano 2021 e Debuxando a Natureza (concurso de debuxo naturalista onde terán que relacionar as especies co contorno).
O enfoque local, a aprendizaxe experiencial ou a xeración dun espazo para a creación e investigación, son as sinais de identidade deste proxecto. Nesta comunidade contamos coa participación de expertos das entidades: Grupo Naturalista Hábitat, Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo ou Museos Científicos Coruñeses.
Máis de 3450 alumnos participaron o curso pasado nos programas que a Cátedra Emalcsa-UDC puxo á súa disposición.
Os centros escolares poderanse inscribir nos programas de Coawa até o 31 de outubro na web www.somoscoawa.com.