O 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, a Cátedra Emalcsa-UDC organizou na Casa da Auga o II Seminario AdO-Cátedra Emalcsa UDC baixo o título A cunca do Mero-Barcés como Living Lab.
A xornada tiña como obxectivo a posta en común das distintas actuacións vencelladas ao Plan AdO (Auga dende Orixe) da Cátedra, que diferentes investigadores, principalmente da Universidade da Coruña, están a desenvolver na cunca do río Mero, proveedora da auga que abastece a A Coruña e á súa área metropolitana. Durante a xornada tamén se planificaron as actuacións que a Cátedra pretende desenvolver nos vindeiros anos, intensificando as sinerxías entre os diferentes colaboradores.
Sergio Roiloa, director da Cátedra Emalcsa-UDC, e Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, deron a benvida aos asistentes, destacando e agradecendo a alta participación. O primeiro dos relatores, Jordi Delgado, catedrático de Enxeniería do Terreo da Universidad da Coruña, membro do Grupo de Enxeniería da Auga e do Medio Ambiente (Geama) e coordinador do Plan AdO (unha das principais liñas de traballo da Cátedra), presentou este plan, explicando a súa filosofía e obxectivos para o futuro máis inmediato.
Joaquín Suárez, enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos, profesor da Universidade da Coruña, membro do Grupo Geama e primeiro director da Cátedra Emalcsa-UDC, foi o seguinte relator. No seu caso abordou as presións que existen sobre a auga do río Mero e, máis en concreto, a contaminación difusa de viais con alta intensidade de tráfico.
Soledad Muniategui, catedrática de Química Analítica da Universidade da Coruña e coordinadora do Grupo de Química Analítica Aplicada (Qanap), ao que a Real Academia Galega de Ciencias otorgou o pasado mes de marzo o Premio de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, interveu deseguido. Fíxoo para explicar a experiencia do seu grupo no estudo sobre contaminantes de interese emerxente na cunca do Mero-Barcés.
Tras Muniategui tomou a palabra María Luz Rodríguez Blanco, doutora pola Universidade da Coruña coa tese Estudo integrado dos procesos de escorredura e exportación de sedimentos e fósforo nunha cunca rural, e actualmente profesora na Universidad de Vigo. Rodríguez Blanco amosou os seus estudos sobre os efectos dos procesos de chuvia-escorredura sobre a dinámica de sedimentos, nutrientes e metais nas augas de cabeceira do río Mero. Estes traballos desenvolvéronse en colaboración con María Teresa Taboada Castro, profesora do departamento de Física e Ciencias da Terra da Universidade da Coruña e membro do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental da UDC.
A seguinte intervención tivo como protagonista a Rafael Carballeira, membro do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental da Universidade da Coruña, e actualmente investigador do Institut Cavanilles Biodiversitat i Biologia Evolutiva (ICBBE) da Universidade de Valencia. Carballeira é un dos cinco investigadores da UDC que participaron nun pioneiro estudo internacional sobre a presenza de residuos plásticos nas augas superficiais de lagos e encoros situados en diferentes puntos do planeta, do que se fixo eco a prestixiosa revista Nature, Carballeira expuxo aos presentes a dinámica do fitoplancton no encoro de Cecebre.
A dirección da Cátedra aproveitou o seminario para lanzar aos investigadores o reto de continuar a traballar unidos co obxectivo de converter a cunca do río Mero nunha cunca piloto de investigación vencellada á mellora da xestión do abastecemento de auga a A Coruña e a súa contorna
A profesora de Xenética da Universidade da Coruña e investigadora do Grupo de Bioloxía Evolutiva, Marta Vila, interveu posteriormente para propor unha caracterización do zooplancton do encoro de Cecebre mediante DNA metabarcoding. Vila explicou a importancia do zooplancton nas redes tróficas e como os cambios no fitoplancton estudados por outros colaboradores da Cátedra poderían ter consecuencias na súa estrutura.
Tralo seu relatorio, Santiago Vázquez, vicepresidente do Grupo Naturalista Hábitat, fixo un pequeno percorrido polos traballos de conservación do encoro de Cecebre desenvolvidos por esta organización naturalista nos últimos 45 anos.
O seguinte relatorio correu a cargo de Jonatan Rodríguez Parra, investigador na área de Ecoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, que realizou unha análise do interese dos proxectos de renaturalización fluvial en contornas semirurais e do seu potencial para ser implementados no río Mero.
Manel Leira, actualmente profesor de Ecoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, expuso deseguido as conclusións do estudo sobre a flora acuática dos ríos Mero e Barcés realizado no marco de colaboración coa Cátedra. Ademais presentou unha proposta de monitorización do medio a través do uso de ferramentas moleculares de mertabarcoding.
María José Servia, profesora de Zooloxía, e Jaime Fagúndez, profesor de Botánica, ámbolos dous da Universidade da Coruña, tomaron a palabra posteriormente para expoñer os estudos realizados sobre a flora e a fauna na cunca do río Barcés e o estado actual da cunca. Neste sentido subliñaron a importancia dun plan de seguimento para garantir a boa conservación do medio.
Estes investigadores deron paso ao relatorio de Carlos Ameixenda e Nicolás Ron, xestor e técnico, respectivamente, da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. A súa intervención versou sobre as numerosas accións realizadas pola Reserva no encoro de Cecebre durante os últimos anos. Así mesmo suxeriron novos proxectos de colaboración coa Cátedra.
Moisés Canle, catedrático de Química Física da Universidade da Coruña, investigador do Grupo React! da UDC e exdirector da Cátedra Emalcsa-UDC, protagonizou o seguinte realatorio, no que realizou unha análise dos contaminantes persistentes na auga e do problema ambiental que representan de cara ao futuro. Sobre este tema reflexionou, xunto á tamén investigadora do Grupo React!, Alena Voznakova, nun artigo que escribiron para a Cátedra Emalcsa-UDC co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente 2024.
Ricardo García Mira, catedrático de Psicología Social, profesor da Universidade da Coruña e director do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente, falou logo sobre a perspectiva europea de investigación sobre a auga e detallou as diferentes estratexias para preparar propostas de investigación exitosas no contexto de Horizon-Europa.
Finalmente, o director de I+D+i de Emalcsa, Ricardo Vázquez, pechou a xornada cunha breve exposición dos proxectos de investigación da Cátedra Emalcsa-UDC. Vázquez, ademais, explicou os mecanismos da Cátedra para financiar as propostas dos investigadores e comentou que xa se está a traballar na renovación do convenio entre Emalcsa e a Universidade da Coruña para prolongar a actividade da Cátedra.
Dende a dirección da Cátedra tamén se aproveitou o seminario para lanzar aos investigadores o reto de continuar a traballar unidos co obxectivo de convertir a cunca do río Mero nunha cunca piloto de investigación vencellada á mellora da xestión do abastecemento de auga a A Coruña e á súa área metropolitana. Nesta tarefa a conservación do medio natural erixiriase na principal característica da calidade da auga e das máximas garantías de saúde. A dirección da Cátedra considera que esta é unha oportunidade única de se converter en pioneiros neste modelo de colaboración que non ten semellanzas a nivel europeo, tanto na súa filosofía como en recursos, á vista dos traballos expostos no seminario e no potencial que atesoran de cara ao futuro.