A VI Open Science Cambre pechou as súas portas cun novo éxito, tanto de participación como de asistencia. Centos de persoas pasaron durante toda a fin de semana polos tres lugares nos que se desenvolveu a feira (Parque da Igrexa, CEIP Wenceslao Fernández Flórez e Pavillón Sofía Toro) para gozar cós diferentes proxectos que presentaron numerosos centros educativos e entidades vencelladas a actividade científica, así como cós obradoiros e charlas que tiveron lugar durante a celebración do evento. Deste xeito os obxectivos da Open Science Cambre (estimular a vocación científica entre os rapaces, espertar o gusto pola cultura científica entre a cidadanía, fomentar a investigación e a innovación responsable e amosar o aspecto lúdico da ciencia) cumpríronse de longo e evidenciaron o bo facer dos organizadores do evento: o clube de ciencia XentD100cia do IES David Buján de Cambre; as codirectoras da feira: Paula Méndez e Aroa Silva; o profesor José Viñas, alma da Open Science Cambre; e o Concello de Cambre.
A Cátedra Emalcsa-UDC foi un dos colaboradores da feira e estivo presente no Parque da Igrexa cunha tenda propia pola que pasaron unha morea de visitantes. Os que o fixeron puideron coñecer, a través dunha simulación a pequena escala, algúns dos pasos que se desenvolven na Estación de Tratamento de Auga Potable da Telva (Cambre) co obxectivo de purificar a auga que se recolle do río Mero para chegue aos nosos domicilios en óptimas condicións para ser consumida.
Outra das propostas que presentou a Cátedra Emalcsa-UDC na Open Science Cambre e que espertou grande interese foi a explicación da eutrofización, fenómeno natural acelerado pola acción do home (mal uso de, por exemplo, fertilizantes e deterxentes) que provoca a morte da materia vexetal e o deterioro das masas de auga de lagos e encoros polo excesivo crecemento de plancton vexetal.
Por último, grandes e pequenos puideron gozar na tenda da Cátedra doutros experimentos cuxo obxectivo e mostrar de xeito lúdico as propiedades da auga. É o caso do baile das moléculas, que demostra que as moléculas dun líquido están sempre en movemento.
A Cátedra Emalcsa-UDC tamén aproveitou a Open Science para divulgar o seu proxecto Coawa, unha iniciativa que ten como obxectivo achegar á sociedade a importancia da auga dende un punto de vista que integra o medio ambiente e as persoas. No marco deste proxecto desenvólvese o programa educativo ‘A auga non para’, o certame de debuxo ‘Debuxando a Natureza’, ou as visitas didácticas á Telva ou ao encoro de Cecebre.
Fontes de Emalcsa para promocionar o consumo de auga da billa
Emalcsa tamén estivo no recinto. Así, conectou varias fontes á traída para promocionar o consumo da auga da billa, fomentar o uso de botellas reutilizables e minimizar así o uso das de plástico.
Ademais dos proxectos que amosaron 80 colexios e outras entidades vencelladas coa ciencia, na Open Science Cambre tamén houbo espazo para diferentes obradoiros e novas propostas como as actividades relacionadas coa animación dixital. Deste tema falaron Xosé Zapata, gañador dun Premio Goya en 2022 ao mellor corto de animación polo seu traballo The Monkey; e Cristina García Aradas, Mapache, lead level designer en videoxogos. A feira, así mesmo, tamén incluiu interesantes relatorios como a de David Perezagua, responsable de Educación e Divulgación da Fundación Margarita Salas.
O colofón á Open Science Cambre foi a entrega dos premios a novas promesas da ciencia. Un deles, o correspondente ao Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 6 (Auga Limpa e Saneamento), entregouno o director de Innovación e Desenvolvemento de Emalcsa, Ricardo Vázquez.