Do 21 ao 24 de setembro desenvolveuse na Coruña o X Festival Mar de Mares, un evento que volveu congregar numeroso público, ao que ofertou máis de 40 actividades artísticas, culturais, medioambientais… relacionadas co mar.
Entre estas accións houbo dúas promovidas pola Cátedra Emalcsa-UDC en colaboración co Proxecto Monelos River Revival (MonRiveR), unha iniciativa nacida en 2017 que conta co apoio da Cátedra e que ten como obxectivo recuperar o leito do río Monelos, cuxo traxecto urbano discorre dende hai anos baixo terra.
A primera destas accións foi unha mesa redonda enmarcada no I Foro Mar de Mares que se desenvolveu baixo o título Ríos urbanos, recuperando as ribeiras para as cidades. «A saúde do mar empeza en los ríos», sinalou Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, para presentar a mesa e contextualizala nun foro cuxo tema central é o mar. Trala úa introdución, Jerónimo Puertas (catedrático da Universidade da Coruña no departamento de Enxeñería Civil e membro do Grupo de Investigación Ingeniería del Agua y del Medio Ambiente) deu paso aos relatores.
A primeira intervención correu a cargo de Cinta Luengo (xefa da Área de Cidades e responsable de Renaturalización Fluvial da Fundación Biodiversidade), que explicou aos asistentes en que consiste a Estratexia Nacional de Restauración de Ríos. Laura Fernández (técnica de apoio do Servizo de Planificación de Augas de Galicia) foi a seguinte en intervir para se referir ao retos que a administración galega ten por diante nas contornas urbanas con respecto á planificación hidrolóxica. Deseguido Manuel Fontán (técnico de Parques e Xardíns do Concello de Pontevedra) falou sobre a recuperación do río Gafos de Pontevedra. Por último interviu Amal Nnechachi, enxeñeira do Laboratorio de Enxeñería Cartográfica da Universidade da Coruña e coordinadora do Proxecto MonRiveR cun relatorio titulado O Proxecto Monelos River Revival: restauración fluvial e culturas dun río urbanizado.
Nnechachi iniciou o seu relatorio definindo o Proxecto MonRiveR como «un traballo de investigación que ten como principal obxectivo definir as metodoloxías necesarias para propoñer unha recuperación integral da conca fluvial do río Monelos». Deseguido explicou que esta iniciativa conta cunha parte técnica e outra de divulgación. Da primeira encárgase a comunidade científica para, a través dun traballo multidisciplinar, desenvolver unha liña de acción para recuperar o río Monelos, cuxa conca orixinal era de 23 quilómetros cadrados e do que se conservan dúas subconcas de 16 e 7 quilómetros cadrados. Este traballo consiste en caracterizar o río, facer un modelo e estabelecer un diagnóstico que permita determinar as propostas de actuación e definir unha estratexia de restauración do río, sempre tendo en conta a normativa europea, nacional, comunitaria e local no que respecta aos ecosistemas fluviais urbanos.
En canto á parte de divulgación, a enxeñeira do Cartolab sinalou como obxectivo concienciar á cidadanía da importancia do río Monelos e das vantaxes de recuperalo. Como exemplo de accións divulgativas referiuse, por exemplo, á película Esquece Monelos dirixida por Ángeles Huerta ou ao roteiro Remontado Monelos que se realizou no marco do Festival Mar de Mares.
No seu relatorio, Amal Nnechahi fixo un percorrido polo río Monelos. Lembrou que era un lugar no que a cidadanía desenvolvía actividades de ocio como o baño e outras como a pesca ou o lavado de roupa. Logo referiuse á súa transformación e posteriores degradación e canalización.
A enxeñeira amosou documentos gráficos nos que se aprecian tramos do río canalizados e incluso entubados nos que se preservou o espazo fluvial en superficie e sinalou que como parte do proxecto se poderían eliminar as estruturas de formigón nos canais e sacar á luz os tramos do rede de sumidoiros para acometer unha restauración fluvial.
Amal Nnechachi pechou a súa intervención presentado exemplos de recuperación de ríos urbanos en Vitoria ou Seúl.
A segunda acción promovida pola Cátedra Emalcsa-UDC en colaboración co Proxecto MonRiveR no marco do Festival Mar de Mares tamén tivo como protagonista o río Monelos. Neste caso foi o roteiro ‘Remontando Monelos’, que consistiu nunha visita guiada por diferentes tramos deste río para que os asistentes puidesen coñecer o seu traxecto e máis a súa historia. A actividade foi todo un éxito. Así, ás poucas horas de anunciarse, esgotáronse as entradas para as catro visitas previstas entre os sábados 16 e 23 de setembro, que, finalmente, se reduciron a tres a causa da chuvia que caeu na tarde do sábado 16.
Os 90 asistentes (total das tres xornadas levadas a cabo) gozaron dun percorrido dirixido por Amal Nnechachi que comezou na Fábrica de Tabacos, pasou pola desembocadura do río Monelos, a ponte da Avenida de Oza, a ponte da Gaiteira, a estación do norte cos seus muíños e lavadoiros, a ponte de Monelos, e rematou na antiga Granxa de Experimentación Agrícola e a ponte da Pedra. As explicacións da guía, ademais, estiveron apoiadas pola recreación teatral dalgunhas etapas da historia do río que levou a cabo o grupo de teatro Cajón de Sastre.