O vindeiro 6 de maio o Parque de Santa Margarida acollerá unha nova edición do Día da Ciencia na Rúa, un evento organizado polos Museos Científicos Coruñeses, a Cátedra Emalcsa-UDC e a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, cuxo principal obxectivo é achegar a ciencia á cidadanía.
Un ano máis a Cátedra Emalcsa-UDC contará cun espazo propio nesta feira científica na que amosará aos visitantes divertidos experimentos relacionados coa auga. Nesta XXVII edición prevé presentar aos que se acheguen á súa tenda, a través dunha simulación, algunhas das distintas fases que se desenvolven nunha estación de tratamento de auga potable para depurar a auga e que ésta chegue en óptima calidade á poboación: desbaste, filtración, coagulación e floculación, decantación, adsorción e cloración.
- Desbaste: eliminación de sólidos en suspensión na auga.
- Filtración: despois da decantación a auga pasa por un filtro de area co obxectivo de eliminar os residuos sólidos máis pequenos.
- Coagulación/floculación: proceso mediante o que se eliminan as pequenas partículas en suspensión xeneradas pola erosión por auga.
- Decantación: despois do proceso de coagulación e floculación as partículas sedimentan e retíranse da auga.
- Adsorción con carbón activo: utilízase, principalmente, no verán, cando a concentración de cianobacterias aumenta, pois axuda á súa eliminación.
- Cloración: é o derradeiro paso no tratamento da auga. Consiste na adición dunha serie de reactivos que veñen de deixar a auga en condicións óptimas de esterilización e libre de patóxenos.
Pero os que visiten a tenda da Cátedra Emalcsa-UDC poderán gozar de máis experimentos. Algún deles estará relacionado coa eutrofización, un fenómeno natural que consiste no excesivo crecemento de plantas e outros organismos en ríos, lagos ou encoros debido a unha alta concentración de nutrientes no auga. Outros experimentos servirán aos visitantes para aprender, por exemplo, de qué xeito varía a densidade da auga cando se conxela ou que as augas, a diferentes temperaturas, non se misturan.
No Día da Ciencia na Rúa participarán 48 centros educativos da Coruña, Betanzos, Culleredo, Ribadeo, Cambre, Carral, Coristanco, Ortigueira, Arteixo, Miño, Arzúa, Pontedeume, As Pontes, Outes, Zas, Poio, Oleiros e Cerceda. Todos eles amosarán aos asistentes interesantes experimentos que levan preparando dende fai meses para achegar a ciencia á poboación dun xeito lúdico. Análises de graxas nos alimentos, ilusións ópticas, xogos matemáticos, electricidade con patacas… son algúns dos experimentos que se presentarán o vindeiro 6 de maio.
Ademais da Cátedra Emalcsa-UDC tamén estarán presentes no Día da Ciencia na Rúa diversas entidades e institucións relacionados coa ciencia, como a Universidade da Coruña, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), a asociación Luzada da USC ou a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.
Tamén se desenvolverán outras moitas actividades da man da Asociación Galega de Xadrecistas, a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, Bricolabs, Ludo Sociedade Deportiva ou Gallaecia Viva. Ademais, haberá un concerto da Banda Municipal de Música da Coruña e un espectáculo de monólogos científicos realizado por Ciencia Calidade.
Por último, os Museos Científicos Coruñeses celebrarán unha xornada de portas abertas, de xeito que o acceso á Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae, será de balde.