Este sábado 10 de xuño terá lugar no Paseo Marítimo do Burgo a quinta edición da Cullerciencia, unha feira de divulgación científica que organiza o Clube de Ciencia do Ceip plurilingüe Ría do Burgo. Alí estará un ano máis a Cátedra Emalcsa-UDC, que contará cunha tenda propia (a número 23) na que amosará aos visitantes divertidos experimentos relacionados coa auga.
Os que se acheguen á tenda da Cátedra poderán ver unha simulación a pequena escala do proceso de depuración da auga que se desenvolve na Estación de Tratamento de Auga Potable da Telva (Cambre), a planta na que se trata a auga que consumimos na Coruña e na súa área metropolitana agás Carral, que consume a auga que depura a ETAP de Cañás, a depuradora de auga máis antiga de España en funcionamento. A simulación que se amosará na Cullerciencia comprende boa parte das fases de proceso de depuración como o desbaste (eliminación de sólidos en suspensión na auga) ou a filtración (paso da auga por un filtro de area para eliminar residuos de menor tamaño).
Do mesmo xeito, e ao igual que aconteceu hai pouco máis dun mes no Día da Ciencia na Rúa que tivo lugar na Coruña, a Cátedra tamén amosará aos que pasen polo Paseo do Burgo, diferentes experimentos, algúns deles relacionados cun fenómeno natural denominado eutrofización que provoca a morte e descomposición da materia vexetal e o deterioro da auga de ríos, lagos e encoros a causa do excesivo crecemento de plancton vexetal.
Ademais da Cátedra Emalcsa-UDC, no Paseo Marítimo do Burgo daránse cita outros 39 expositores. Entre eles atópanse centros educativos da comarca, a Universidade da Coruña, e outras entidades como as escolas de xadrez de Culleredo e Sigrás.
Un dos obxectivos da feira é subliñar o papel da muller na ciencia. Por iso haberá tres conferencias impartidas por investigadoras. Verónica Bolón Canedo (enxeñeira informática e profesora da Universidade da Coruña) falará ás 12.30 horas, sobre ‘Muller, ciencia e intelixencia artificial’. Alicia L. Bruzos (investigadora no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) impartirá ás 13.30 horas a charla ‘Os segredos do cancro soterrados na area’, e Paula García Tenorio (licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte) participará nun coloquio ás 18.00 horas sobre actividade física á carta.
Como evento especial da Cullerciencia, algunha de cuxas actividades se retransmitirá por Twich, os rapaces a partir de 10 anos poderán participar en propostas interactivas con retos como cálculo mental, astucia e lóxica.