Skip to content Skip to footer

A Cátedra Emalcsa-UDC comeza a publicar na web os seus anuarios para achegar á cidadanía as súas actividades de investigación e divulgación ambiental, así como artigos científicos dos seus colaboradores

Dende o 12 de decembro a cidadanía pode consultar na web de la Cátedra Emalcsa-UDC os anuarios de comunicación desta. Nestes documentos, en formato revista, poderán ler, entre outras cuestións, as actividades de investigación e divulgación ambiental desenvolvidas pola Cátedra ao longo dun ano, así como artigos científicos elaborados polos seus colaboradores nos que se abordan diferentes aspectos relacionados coa auga e o medio ambiente. Deste xeito, a Cátedra pretende achegar á cidadanía as actuacións que leva a cabo en beneficio da sociedade coruñesa e da súa área metropolitana, unhas accións dirixidas a garantir a calidade da auga que bebemos, un obxectivo para o que esta Cátedra considera fundamental o coidado do medio natural.

O primeiro anuario que se pode consultar é o correspondente a 2023. Tras unha introdución escrita polo que foi director da Cátedra Emalcsa-UDC dende maio de 2021 ata enero de 2024, Moisés Canle, o anuario comeza cunha reportaxe sobre o proxecto Life Fluvial desenvolvido entre 2017 e 2022 no que participou Emalcsa como socio e que serviu, entre outras cousas, para mellorar o estado de conservación do encoro de Cecebre. Nas súas primeiras páxinas, o documento tamén ofrece un artigo sobre as brañas elaborado por Manel Leira, profesor do departamento de Bioloxía da Universidade da Coruña, co gallo do Día Mundial das Zonas Húmidas. Pola súa banda, Ricardo Vázquez, director do área de I+D+i de Emalcsa, aporta a súa visión sobre o novo Plan Hidrolóxico Galicia Costa 2021-2027.

O documento tamén presenta os seminarios realizados en 2023. Como o que tivo lugar o 27 de febreiro na Casa da Auga, no que os operadores de auga urbana máis importantes de Galicia debatiron sobre os posibles problemas e oportunidades derivados da implantación en Galicia da nova normativa sobre criterios técnico sanitarios da calidade da auga de consumo humano. Ou o que se celebrou o 12 de xullo na Facultade de Ciencias da UDC, no que diferentes expertos explicaron as vantaxes que ofrecen as zonas húmidas construidas. No que respecta a seminarios, no documento tamén se da conta do que tivo lugar o 3 de novembro no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo co gallo do Día Internacional das Reservas da Biosfera. Un dos principais focos de atención deste evento foron algunhas das actuaciones realizadas na bacía dos ríos Mero e Barcés.

Así mesmo, o anuario inclúe a participación da Cátedra Emalcsa-UDC na xornada científico-técnica Mares Circulares celebrada o 14 de xuño na Domus e en cuxa organización participou xunto a Coca Cola Europacific Partners; no IV Congreso Ibérico de Restauración Fluvial Restaurarríos que tivo lugar en xuño en Toledo; ou no Festival Mar de Mares de setembro na Coruña.

O anuario tamén presenta o programa Coawa, a comunidade da auga, unha iniciativa da Cátedra Emalcsa-UDC que busca achegar á sociedade a importancia do mundo da auga dende unha visión integrada co medio ambiente e as persoas. Este programa difundiuse nas tres feiras científicas (Día da Ciencia na Rúa, Cullerciencia e Open Science Cambre) nas que participou a Cátedra en 2023 e que se detallan no documento.

No que respecta aos artigos, ademáis dos sinalados con anterioridade, o anuario de 2023 presenta un texto do catedrático de Psicoloxía Social da Universidade da Coruña, Ricardo García Mira, sobre a auga ante o desafío do cambio climático; ou un artigo do historiador e divulgador científico Xosé Antón Fraga escrito co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente no que aborda a relevante exploración de Alexander Von Humboldt en 1799, unha expedición que partiu dende A Coruña. Pola súa banda, o catedrático de Dereito Administrativo da UDC, Francisco Javier Sanz Larruga, aporta a súa visión sobre a Lei do Clima de Galicia; e Armand Hernández, investigador do Grupo Grica da UDC, escribe sobre as razóns polas que a actividade humana está a contribuir ao quecemento global nun texto escrito co gallo do Día Internacional contra o Cambio Climático.

O anuario, do mesmo xeito, dedica un importante espazo á entrega do III Premio Cátedra Emalcsa-UDC que gañou o estudante do Máster en Enxeñería da Auga, Castor Eduardo Maduro, grazas ao seu traballo Development and Field Testing of a Metal Membrane Passive Sampler for the Determination of Organic Contaminants in Surface and Wastewaters, no que expón unha análise dunha solución con potencial para realizar mostraxes pasivas de contaminantes orgánicos con vistas a protexer as masas de auga de cara á súa dispoñibilidade para xeracións futuras. No apartado de investigación o anuario tamén da conta do estudo internacional sobre a presenza de residuos plásticos na superficie de lagos e encoros no que participaron varios colaboradores da Cátedra e que foi portada da prestixiosa revista Nature no seu número de xullo de 2023.

O documento, por último, tamén ten unha parte interactiva. De feito, inclúe algúns códigos QR que permiten acceder aos vídeos de diferentes actos aos que se refire o anuario, como a entrega dos III Premios Cátedra Emalcsa-UDC.

Xa publicado o anuario de 2023, nas próximas semanas publicarase o de 2024.