Skip to content Skip to footer

A Cátedra Emalcsa-UDC pon en valor o seu programa de divulgación ambiental ‘Coawa’ nunha Open Science Cambre na que tamén amosou a nenos e maiores a relación entre auga e enerxía

A Cátedra Emalcsa-UDC participou un ano máis na Open Science Cambre, unha feira de divulgación científica que ten como obxectivo estimular a vocación científica entre a xente nova, espertar o gusto pola cultura científica entre a cidadanía, fomentar a investigación e a innovación responsable e amosar o aspecto lúdico da ciencia.

A feira, dirixida por Paula Méndez e Aroa Silva, e organizada polo clube de ciencia do IES David Buján de Cambre, XentD100cia, e o Concello de Cambre, volveu ser un éxito de participación e congregou a 500 mozos procedentes de diferentes puntos de España e de países como México, Portugal ou Turquía.

Nesta séptima edición a Cátedra participou por partida dobre. Por unha banda amosou aos visitantes que pasaron pola súa tenda diferentes experimentos para explicar os distintos usos da auga como fonte de enerxía. O obxectivo era ensinar como as enerxías potencial e cinética poden mutar en outras enerxías como a hidráulica ou a mecánica.

A noria hidráulica foi un dos experimentos empregados. Consiste nun dispositivo que aproveita a enerxía cinética da auga para mover unha estrutura xiratoria con paletas. Esta noria utilizouse, históricamente, para moer grans e producir fariña. Tamén se explicou aos visitantes o xeito no que a enerxía hidráulica aproveita a enerxía cinética da auga en movemento para producir enerxía utilizable. Para o demostrar empregouse un sistema hidroléctrico no que unha turbina hidráulica captura a enerxía cinética da auga para a converter en enerxía mecánica rotativa. Este é o sistema que se utiliza nalgúns encoros para xenerar electricidade. Así mesmo explicouse en que consiste a electrólise da auga, un proceso que se emprega para producir hidróxeno como combustible en pilas para xenerar electricidade de xeito limpo e eficiente coa auga como único subproduto. O movemento dun pequeno vehículo serviu para o comprobar.

Por outra banda a Cátedra puxo en valor o seu programa de divulgación ambiental Coawa, a comunidade da auga, unha iniciativa que busca vencellar o coñecemento e a concienciación sobre as relacións entre as persoas e a auga nun ámbito medioambiental próximo, o relacionado co sistema de auga urbano da contorna da Coruña, que comprende a conca do río Mero e o abastecemento aos concellos da Coruña, Culleredo, Cambre, Arteixo, Bergondo, Oleiros, Sada e Carral, o que supón abastecer a máis de 400000 persoas.

Así, Coawa contou cun punto de divulgación e concienciación sobre a importancia do coidado da auga dende unha visión integrada co medioambiente e as persoas. Por alí pasaron numerosos visitantes que puideron coñecer os propósitos desta Comunidade da Auga, as singularidades da auga que consumimos na Coruña e a súa contorna, así como a importancia do entorno natural que nos arrodea. Tamén se achegaron ao stand alumnos e profesores para coñecer os programas formativos para centros educativos que ofrece Coawa para este curso 24/25, cuxo prazo de inscrición remata o 23 de outubro.

Coawa tamén premiou o mellor proxecto de reutilización da auga nos fogares. O IES Saladillo de Alxeciras foi o gañador, polo que levou un lote de produtos de Coawa. Do mesmo xeito puxo en marcha un concurso por Instagram no que tiveron a ocasión de participar os visitantes que pasaron polo stand. Os gañadores levaron dous lotes de produtos de Coawa.

Finalmente Coawa tamén sorteou outros dous lotes dos seus produtos entre os voluntarios da Open Science Cambre para recoñecer o seu importante traballo.