A clase de 3º de Educación Primaria do colexio Obradoiro da Coruña gañou co mural O son do inverno o concurso Debuxando a Natureza enmarcado no Programa Coawa da Cátedra Emalcsa-UDC.
Os alumnos vencedores deste concurso de debuxo naturalista que Coawa, coa colaboración do Grupo Naturalista Hábitat, organiza cada ano, acadaron a máxima puntuación do xurado nos catro criterios de avaliación: capacidade e esforzo para representar o maior número de especies animais e vexetais no mural, plasmar a interrelación entre elas, representar a contorna natural do encoro de Cecebre e creatividade artística.
Os alumnos do Obradoiro presentaron o mural xunto a un vídeo no que, segundo o xurado, xustificaron ampliamente a investigación realizada e os concetos adquiridos.
O xurado tamén premiou cun accésit de innovación aos alumnos de 6º B de Educación Infantil do CEIP Luis Seoane (Oleiros) por incorporar ao seu mural, de xeito dixital, un espazo de almacenaxe e unha ligazón á información das distintas especies reflectidas no seu traballo.
Os alumnos de 3º de Educación Primaria do Obradoiro e os de 6º B de Educación Infantil do Luis Seoane participarán no Día Coawa, un evento cheo de actividades experienciais cuxa data está por determinar.
Na categoría de Educación Secundaria o premio quedou deserto. O xurado considerou que os traballos presentados non cumprían cos requisitos expostos nas bases do concurso.
26 murais, na categoría de Infantil/Primaria, e 4 na de Secundaria, participaron nesta edición de Debuxando a Natureza 23/24, un concurso dirixido ao alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria dos centros educativos da Coruña e a súa área metropolitana. O obxectivo deste certame de debuxo é: dar a coñecer a diversidade de flora e fauna que habita na nosa contorna; que os alumnos participantes recoñezan as especies e entendan o papel que xogan no seu medio natural; concienciar acerca da importancia de coidar o entorno e adquirir uns bos hábitos a nivel individual e colectivo para manter a biodiversidade; e que os participantes desenvolvan unha actividade en equipo coa que adestrar as súas capacidades e habilidades de comunicación.