Emalcsa formará parte dun grupo de traballo a nivel nacional que desenvolverá un proxecto para elevar o nivel de ciberseguridade das redes de abastecemento de auga urbana e cumplir deste xeito coas obrigas en materia de ciberseguridade estabelecidas pola normativa vixente, así como pola Directiva (UE) 2022/2555, coñecida como Directiva NIS2, e a súa trasposición ao marco normativo español.
A iniciativa foi presentada o 10 de maio na sede do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), entidade que depende do Ministerio para a Transformación Dixital e da Fundación Pública y que é a impulsora deste proxecto xunto á Plataforma Tecnolóxica Española da Auga (PTEA) e á Asociación Española de Empresas Xestoras dos Servizos de Auga Urbana (AGA), á que pertence Emalcsa.
Para chegar ao nivel de seguridade buscado empregarase unha innovadora plataforma desenvolvida polas empresas tecnolóxicas galegas Tecdesoft e Inprosec, bautizada co nome de Poseidón. Esta plataforma integra a xestión dos procesos propios do ciclo integral da auga urbana coa supervisión de calquera evento de ciberseguridade vencellado a eles. Poseidón, ademais, incorpora o Machine Learning e a Intelixencia Artificial, o que optimiza a súa capacidade de detectar posibles ataques ás redes de abastecemento.
Esta plataforma someterase a unha proba de concepto (proba inicial dun proxecto cuxo obxectivo é amosar o seu potencial e viabilidade) na Plataforma Medusa#4, unha das infraestruturas científicas que se crearon a partir do desenvolvemento dalgúns proxectos de I+D+i de Emalcsa e que a empresa municipal que xestiona a auga na Coruña comparte na actualidade, a través de Cátedra Emalcsa-UDC, coa Universidade de Coruña con fins científicos e formativos.
Ubicada no Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (Citeec) da Universidade da Coruña, a Plataforma Medusa#4 é un simulador do sistema de auga urbano da Coruña que se utiliza en labores docentes, de divulgación e para o desenvolvemento de novos proxectos relacionados co sistema de xestión da auga urbana no marco da liña de investigación AquaLab da Cátedra Emalcsa-UDC.