Coawa, a comunidade da auga, proxecto impulsado pola Cátedra Emalcsa-UDC, pon a disposición de toda a cidadanía dúas xornadas (20 e 24 de maio) con visitas guiadas á ETAP da Telva e á contorna do río Mero. Trátase dunha oportunidade única para coñecer de primeira man o proceso de purificación da auga que consumimos na Coruña e a súa área metropolitana. Ademais os cidadáns poderán coñecer que flora e fauna habita no río e o xeito no que incide na calidade da auga.
Coñecer cal é o proceso para converter a auga bruta en potable é preciso para poder valorar a auga da que dispoñemos. Ademáis, coñecer que flora e fauna habita na lámina de auga do río Mero é esencial para tomar conciencia da importancia de coidar o noso medio natural para poder seguir a manter a calidade da auga.
Falaremos tamén do bosque de ribeira, de cales son as especies representantivas, a súa funcionalidade e a relevancia ecolóxica do mesmo.
Poñemos a disposición de toda a cidadanía, con previa inscrición, dúas xornadas con prazas limitadas: 20 de maio e 24 de maio en horario de 10.00 a 12.00 horas.
Para se inscribir é preciso enviar un email a comunicacion@somoscoawa.com ou chamar ao teléfono 669 070 786. Tamén na web somoscoawa.com hai un formulario de inscrición activo.
As prazas son limitadas e as inscricións poderanse facer até o 16 de maio. A actividade está financiada ao 100% por Coawa e a adxudicación de prazas realizarase por riguroso orde de chegada das solicitudes.
Este ano máis de 5800 escolares están visitando a ETAP da Telva e a contorna do río Mero a través dos nosos programas formativos. Tedes máis información aquí.