A innovación forma parte do ADN de Emalcsa. De feito a Empresa Municipal de Augas da Coruña leva dando pulo a iniciativas innovadoras prácticamente dende a súa fundación, alá polo ano 1908, cando aínda se denominaba Aguas de La Coruña S. A. Nese ano inaugurábase a traída da Coruña e con ela unha primitiva planta purificadora en Cañás, unha pequea parroquia situada a catro quilómetros de Carral. Constaba dunhas rudimentarias instalacións nas que se recollía auga do río Barcés para a conducir a unha pequena presa cun depósito que amortecía a corrente da auga. O obxectivo era eliminar parte dos materiais que arrastraba a auga e deixala máis limpa e apta para o consumo. Este era o sistema co que daquela se pretendía purificar a auga. Evidentemente, e debido á falla de tecnoloxía, facíase pouco menos que de xeito testimonial. Porén, a instalación tiña a súa importancia e vixiabase polo miúdo. De feito contaba cun posto de guarda que aínda hoxe se conserva no que vivía un encargado de coidar as instalacións e o subministro de auga. Entre as súas responsabilidades atopábase a de patrullar a cabalo a rede de distribución para evitar que ningúen roubase o líquido para abastecer as súas leiras. Eran outros tempos.
Alí, en Cañás, deu Emalcsa os seus primeiros pasos no que a innovación se refire coa instalación, en 1915, de filtros lentos, un proxecto que se tiña solicitado catro anos antes ao Ministerio de Fomento debido a que as primitivas instalacións eran insuficientes. Os filtros lentos permitían filtrar 25 litros de auga por segundo e 2.160 metros cúbicos ao día. Todo un avance daquela. Evidentemente melloraba o que había, aínda que poucos anos despois, en concreto, en 1921, houbo que os cambiar xa que non permitían cubrir o abastecemento de auga á cidade como Aguas de La Coruña quería debido ao crecemento que experimentara a cidade en canto a habitantes. Normal. A Coruña pasara dos 47.984 que tiña en 1910 aos 62.022 de 1920. É dicir, que nunha década, a poboación incrementárase en 14.038 personas.
Pero A Coruña continuou a crecer e os filtros lentos axiña quedaron pequenos. Os 25 litros por segundo que eran capaces de tratar non bastaban para a emerxente cidade da Coruña, polo que sete anos despois, en 1922, redactouse o proxecto para mellorar a planta con filtros rápidos, cuxa capacidade (75 litros por segundo e 6.480 m3 por día) triplicaba a dos filtros lentos. Pero a renovación de Cañás non quedou nos filtros. Tamén se construiron unhas novas instalacións proxectadas por Gonzalo Esteban Saavedra que prácticamente seguen intactas hoxendía, se ben é certo que en 1953 substituiuse o antigo revestimento de madeira por outro de formigón.
A Coruña, segunda cidade, tras Bilbao e Valencia, en contar con filtros rápidos
Daquela os filtros rápidos eran todo un invento. Utilizábanse en América e Alemaña, pero en España, só Bilbao e Valencia precederon a A Coruña na súa instalación. E os filtros rápidos non foron a única novidade no que a purificación de augas se refire. Por unha banda convertíronse os vellos filtros lentos en catro decantadores para separar o lodo da auga (dende estes bombeábase a auga aos filtros rápidos mediante uns motores de gasoil, un dos cales se conserva nas instalacións de Emalcsa na Casa da Auga), e por outra construiuse un edificio no que se esterilizaba a auga con cloro e outro con instalacións complementarias composto por un almacén, unha zona axardinada, e o máis curioso, unha estación telefónica. Porque en Cañás había un teléfono que aínda se conserva e que algúns din que foi o primeiro que houbo na Coruña e na súa contorna, que se conectaba co depósito de Monte Alto, situado a 25 quilómetros de distancia. Entre ámbolos dous había cinco estacións intermedias para informar coa maior rapidez das posibles incidencias que houbese na red. O teléfono foi restaurado hai uns anos.
Nas novas instalacións brillaba con luz propia o edificio principal de Cañás, unha xoia do Modernismo que ofrece aínda hoxe a imaxe máis recoñecible da ETAP. Era o terceiro que se construía en España segundo o modelo do alemán H. Reisert, tras os de Bilbao e Valencia -entón con poboacións moi superiores ás da Coruña-. As pezas de formigón que formaban o anterior filtro lento aproveitáronse para pavimentar os camiños exteriores da estación. E alí seguen.
A construción do inmoble principal, deseñado por Gonzalo Esteban Saavedra en 1922, segundo os planos que se conservan, foi, como pode verse, moi rápida, debido á necesidade de garantir o subministro de auga a unha A Coruña que crecía como nunca nese tempo. Dun incuestionable valor artístico e arquitectónico, o edificio é unha estrutura de 632 metros cadrados e case 15 metros de alto, cunhas impresionantes cristaleiras e unha terraza que sobresae da fachada principal, dende a que se podían vixiar os depósitos de decantación e a toma do río Barcés. O seu valor artístico e arquitectónico sempre sorprende.
A ETAP de Cañás, por certo, segue operativa. Só abastece a Carral, pero é a estación de tratamento de auga potable máis antiga de España en funcionamento e un enclave fundamental do patrimonio de Emalcsa, sempre pendente do seu mantemento e conservación. De feito, os proxectos de innovación da empresa, que hoxe desenvolve a Cátedra Emalcsa-UDC, comenzaron alí.