Sergio Rodríguez Roiloa, profesor da área de Ecoloxía da Universidade da Coruña, é dende o martes 26 de marzo o novo director da Cátedra Emalcsa-UDC. Roiloa substitúe no cargo a Moisés Canle, catedrático de Química e Física da universidade herculina, que exerceu os tres últimos anos este cargo que abandona ante a imposibilidade de compatibilizado co de vicerreitor de Títulos e Internacionalización da Universidade da Coruña que ostenta dende decembro de 2023.
«Fóron 3 anos estupendos nos que aprendín moitísimo e coñecín xente maravillosa. Iniciamos moitos proxectos, estendendo a Cátedra por toda a Universidade da Coruña, fomentando a multidisciplinariedade e proxectando a empresa e universidade a nivel nacional e internacional. Deixo a Cátedra en excelentes mans co novo director, Sergio Roiloa. Non teño ningunha dúbida de que saberá mellorala e levala a outro nivel. Agardo que as institucións matrices sexan conscientes do papel fundamental que xoga esta Cátedra no eido da sostibilidade, na garantía do recurso auga no contorno metropolitano da Coruña, e da absoluta necesidade de garantir o seu futuro nas mellores condicións», sinala Moisés Canle.
Sergio Rodríguez Roiloa, novo director da Cátedra Emalcsa-UDC, é profesor titular da Universidade da Coruña na área de Ecoloxía onde imparte docencia no Grao en Bioloxía e nos mestrados de Biodiversidade Terrestre, e Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental da UDC. A súa principal liña de investigación céntrase no estudo dos mecanismos de invasión das plantas e nos impactos que estas provocan nos ecosistemas nas que se introducen.
Sergio Roiloa doutorouse no ano 2005 e completou a súa formación con estadías postdoutorais nas universidades de Massachusetts (EUA), Sussex (Reino Unido) e Coimbra (Portugal). É autor de máis de 60 publicacións científicas en revistas indexadas no Journal Citation Reports (JCR) e presentou comunicacións en numerosos congresos internacionais. Participou en 15 proxectos competitivos autonómicos, nacionais e europeos, e foi investigador principal en proxectos do Plan Nacional e proxectos financiados pola British Ecological Society e a Linnean Society of London.
Sergio Roiloa doutorouse no ano 2005 e completou a súa formación con estadías postdoutorais nas universidades de Massachusetts (EUA), Sussex (Reino Unido) e Coimbra (Portugal). É autor de máis de 60 publicacións científicas en revistas indexadas no Journal Citation Reports (JCR) e presentou comunicacións en numerosos congresos internacionais. Participou en 15 proxectos competitivos autonómicos, nacionais e europeos, e foi investigador principal en proxectos do Plan Nacional e proxectos financiados pola British Ecological Society e a Linnean Society of London. Dirixiu dúas teses de doutoramento e máis de 50 Traballos Fin de Mestrado e Traballos Fin de Grao. Ademais participa como editor en dúas revistas JCR da súa especialidade.
«A miña incorporación á Cátedra Emalcsa-UDC representa un reto moi estimulante. A auga é un recurso chave para as nosas sociedades que precisa do compromiso de todos, especialmente no escenario de cambio global no que nos atopamos. A investigación e a súa transferencia aos diferentes actores implicados é imprescindible par acadar un uso sostible. Poñereis todo o meu esforza para garantir o desenvolvemento dos múltiples proxectos que a Cátedra ten en marcha, así como promover novas liñas de actuación. Nese sentido quero destacar, e agradecer, o excelente traballo realizado polo anterior director, Moisés Canle», apunta Roiloa.