Do 21 ao 24 de setembro celebrarase na Coruña a décima edición do Festival Mar de Mares, un evento multidisclipinar que ofrece numerosas actividades científicas, artísticas e lúdicas para coñecer o mar, gozar del e reivindicar a importancia de coidalo.
A Cátedra Emalcsa-UDC colaborará con este festival de xeito activo. Así, participará na actividade ‘Remontando Monelos: revivindo o río da Coruña’. Esta iniciativa, aberta ao público e gratuíta, permitirá á cidadanía coñecer, a través dun roteiro, o río de Monelos, que durante séculos foi lugar de comercio, lecer e socialización e que na actualidade está soterrado no seu percorrido urbano até a súa desembocadura no peirao de San Diego. O roteiro, que xa se celebrou na edición anterior do Festival Mar de Mares con grande éxito, estará dirixido pola enxeñeira do Cartolab da Universidade da Coruña, Amal Nnechachi, que é coordinadora do proxecto Monelos River Revival, unha iniciativa que botou a andar en 2019 co obxectivo de obxectivo de recuperar parcialmente o río Monelos e que conta co apoio da Cátedra Emalcsa-UDC. As explicacións de Nnechachi ao longo do percorrido apoiaranse nunha recreación histórica que desenvolverá o grupo de teatro Cajón de Sastre.
O roteiro celebrarase os sábados 16 e 23 de setembro. Polo tanto comezará días antes do inicio do Festival Mar de Mares. En cada un dos días haberá dúas sesións: as 11.00 e ás 18.00 horas. A expectación é máxima. De feito as entradas dispoñibles esgotáronse nunhas horas, de xeito que os interesados en asistir ao roteiro teñen que inscribirse nunha lista de espera aquí.
Ademais da actividade do Remontando Monelos, a Cátedra Emalcsa-UDC tamén terá protagonismo no I Foro Mar de Mares, que terá lugar o venres 22, de 9.00 a 14.00 horas en Afundación (Cantón Grande, 8). Este foro está dividido en tres mesas, a terceira das cales leva por título ‘Ríos Urbanos, recuperando as ribeiras para as cidades’. Nela, diferentes expertos de distintas cidades, entre as que se atopa A Coruña, debaterán sobre a recuperación de ríos urbanos, unha tendencia en alza nos últimos tempos, que permite gozar de camiños fluviais esquecidos ou contar con máis espazos verdes no corazón das cidades. Podedes conseguir as entradas para asistir a este evento aquí.