Cástor Eduardo Malpica recibiu este mércores 26 de xullo, na Sala de Prensa do Paraninfo da Universidade da Coruña, o premio (1.000 euros máis diploma acreditativo) de gañador da terceira edición dos Premios Cátedra Emalcsa-UDC, cuxo obxectivo é recoñecer o mellor Traballo Fin de Máster de temática relacionada cos sistemas de auga urbana elaborado por estudantes e graduados da Universidade da Coruña no curso académico 2021-2022. No acto estiveron presentes a alcaldesa da Coruña e presidenta de Emalcsa, Inés Rey; o vicerreitor da UDC, Salvador Naya; o director xeral de Emalcsa, Jaime Castiñeira; e o director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle.
Maduro Malpica, estudante do Máster Universitario en Enxeñería da Auga, fíxose acredor ao galardón grazas ao seu traballo Development and Field Testing of a Metal Membrane Passive Sampler for the Determination of Organic Contaminants in Surface and Wastewaters. Neste, segundo o xurado, desenvolve unha excelente análise dunha solución con potencial para realizar mostraxes pasivas de contaminantes orgánicos con vistas á protección das masas de auga de cara á súa dispoñibilidade para vindeiras xeracións.
No acto de entrega de premios tamén recolleu un accésit (500 euros e diploma acreditativo) o estudante do Máster Universitario en Informática Industrial e Robótica, Carlos Leira Castro, polo seu traballo Integración de sensores con distintas tecnoloxías de comunicación IoT para a maqueta Medusa. No seu caso o xurado valorou o rigoroso estudo que realizou para propoñer unha solución con capacidade para simular situacións que se poidan dar na rede de distribución de Emalcsa e detectar potenciais problemas.
O xurado, formado polo director da Cátedra Emalcsa-UDC, Moisés Canle, en calidade de presidente; Ricardo Vázquez, director de I+D+i de Emalcsa, como secretario; e os vogais Soledad Muniategui, catedrática de Química da UDC; e Ricardo Cao, catedrático de Estatística e Investigación Operativa da UDC, sinalou na acta de resolución, que leu Moisés Canle ao comenzo do acto, «a grande calidade dos traballos presentados, que reflicten a interdisciplinariedade que existe no campo dos sistemas de auga urbana e que poñen de manifesto a enorme amplitude que presenta o campo dende o punto de vista da investigación e o desenvolvemento». Tamén destacou na acta «a rigorosidade do traballo desenvolvido polos diversos autores baixo a supervisión dos seus titores, aportando traballos cunha grande calidade técnica e metodolóxica, así como a orixinalidade na aproximación aos problemas». Finalmente, o xurado reflectiu «a importancia deste tipo de traballos académicos para achegar ao entorno académico á sociedade e, máis en concreto, o coñecemento e a importancia dos diferentes campos relacionados coa xestións da auga no contexto do área metropolitana e para a vida das persoas en xeral».
A alcaldesa da Coruña e presidenta de Emalcsa, Inés Rey, foi a encargada de entregar o premio ao gañador. Na súa intervención lembrou a importancia de «coidar os nosos recursos cunha perspectiva de futuro» e apuntou especificamente á cuestión da xestión sostible da auga. «Neste aspecto, en termos de aforro ou eficiencia, podemos facer moito xa desde as nosas casas, tamén desde o tecido municipal e, por suposto, desde o conxunto do Estado, cunha estratexia de país, porque isto esixe da implicación de todas e todos», sinalou. Así mesmo, a rexedora subliñou que «o Goberno municipal é consciente do importantes que son a natureza e a auga para facer fronte ás consecuencias do cambio climático», e loou o traballo de investigación que se promove desde a UDC, co apoio de Emalcsa, promovendo iniciativas que garanten avances fronte ás fugas de augas, a microcontaminación e o tratamento de augas residuais. Pola súa banda, o director xeral de Emalcsa, Jaime Castiñeira, entregou o accésit a Carlos Leira. Castiñeira valorou de xeito moi positivo a actividade desenvolvida no marco da Cátedra Emalcsa-UDC, o que exemplificou nos traballos que se presentaron a esta terceira edición do premio.
Nos vindeiros días anunciarase a convocatoria da cuarta edición destes premios que teñen como obxectivo promover a investigación e a transferencia de coñecemento no eido dos sistemas de auga urbana con vistas a dar pulo a unha estratexia que permita desenvolver unha xestión sostible da auga.